O Concello de Lalín e Rede Aberta amplían a cobertura de fibra óptica nas parroquias
xoves, 25 de xuño do 2026
O Concello de Lalín informou dunha importante mellora (de servizo e de alcance) na cobertura de fibra óptica nas contornas rurais do termo municipal. Isto é posible grazas á estreita colaboración coa operadora de telecomunicacións neutra Rede Aberta, un traballo que permite ampliar o servizo en novas parroquias do concello.
Tras as reunións mantidas os días pasados pola concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo, con técnicos e responsables de despregamento da operadora galega, realizouse un estudo de viabilidade para analizar a ampliación da súa rede de fibra óptica en diferentes parroquias e núcleos limítrofes con zonas que xa contaban con este servizo.
Actualmente xa está despregada e dispoñible para contratación a fibra óptica nos seguintes lugares:
-Eirexe (Donsión).
-Lamela, estrada principal e zona da igrexa, en Bermés.
-Lugar de Cadrón.
-Lugar de Doade.
-Lugares de Lodeiro e Castro de Abaixo, en Lodeiro.
-Lugar de Castro de Arriba, en Vilatuxe.
A infraestrutura tamén foi instalada e está pendente da súa alta definitiva nos lugares de Palmou e Cello.
A concelleira conseguiu tamén o compromiso para a instalación da rede nunha ducia máis de lugares pertencentes a distintas parroquias do municipio nos próximos meses, que serán anunciados publicamente en canto estean completamente rematados e operativos os tendidos, segundo confirmou o Concello.
