O Concello de Lalín enviou 41 boletíns dixitais dende a posta en marcha do seu Servizo de Orientación Laboral

luns, 28 de agosto do 2023 S. P.

A Concellaría de Emprego de Lalín fixo balance do acadado dende o seu Servizo de Orientación Laboral dende a súa posta en marcha en outubro de 2021, cuxo obxectivo é “mellorar as aptitudes das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o desenvolvemento de itinerarios laborais, fomento das habilidades profesionais, elaboración de currículos e preparación de entrevistas”. Este servizo tivo unha marcada vertente tecnolóxica, non só na formación e o asesoramento achegado, senón tamén no formato da información. Até o día de hoxe, realizáronse 41 boletíns dixitais semanais de ofertas, publicando as ofertas atopadas a través de diferentes fontes: consulta de diferentes portais tecnolóxicos específicos, buscadores diversos, escoita activa e datos achegados polas empresas de Deza e da contorna. En total publicáronse 882 ofertas.
Segundo explicou a concelleira de Emprego, Beatriz Canda, as actividades realizadas polo Servizo de Orientación foron sobre todo as seguintes: diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional; deseño do itinerario personalizado para o emprego; acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario e o cumprimento do compromiso de actividade; deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese en función dos perfís das persoas orientadas; asesoramento e axuda técnica adicional para a definición dos currículos e aplicación de técnicas para a procura activa de emprego; información e asesoramento adicional sobre a situación do mercado de traballo e as políticas activas de emprego, sobre a oferta formativa e os programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas e sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de emprego autónomo, así como os recursos de apoio dispoñíbeis na súa contorna.
A concelleira de Emprego destacou que “desde este servizo no último ano atendéronse un 1.191 persoas, 1.063 foron persoas demandantes direccionadas por parte da Oficina de Emprego e posteriormente reorientadas, das que o 79% asistiu ao servizo, e outras 128 persoas, entre as que se atopan persoas usuarias do CIM, dos servizos sociais municipais ou demandantes que acudiron pola súa conta a solicitar esta asistencia municipal”.
Canda puxo en valor que a maiores, o servizo conta con propia páxina da rede social Facebook, con autorización por parte do Servizo de Orientación e Emprego, que se denomina “Servizo de Orientación Laboral Concello de Lalín” e “Ofertas de emprego-servizo de orientación laboral do Concello de Lalín” onde se publican ofertas de emprego, cursos de formación e información importante de cara ás persoas demandantes de emprego (procesos de selección, bolsas de emprego, etc.). “As ofertas laborais que se publican de xeito diario no Facebook agrúpanse ao finalizar a semana nun boletín que se difunde a través desta mesma rede social coa finalidade de agrupar a busca de emprego a través dunha soa consulta, co conseguinte aforro de tempo”, puntualiza, engadindo que xa foron realizados 41 boletíns semanais de ofertas.
Ademais, engadiu que a técnica responsábel participa na xestión das seguintes accións: convocatoria das competencias clave (tramitación de solicitude e rexistro); tramitación da acreditación das competencias profesionais; tramitación da solicitude para expedición do título de certificado de profesionalidade e os cursos preparatorios do CELGA; realización de currículo vitae dos usuarios carentes do mesmo; explicación dos métodos de busca de emprego actuais (inclusive as aplicacións móbiles e as redes sociais); análise do mercado laboral e información de ofertas de emprego coa fonte de orixe.

PUBLICIDADE