O Concello de Lalín pescuda a presenza de adicións relacionadas coa Internet entre a mocidade local

venres, 9 de febreiro do 2018 Redacción

O Concello de Lalín vén de presentar as conclusións dun completo estudo sobre hábitos de dependencia entre a mocidade local, facendo fincapé na sobre-presenza de Internet e dos aparellos ligados a Internet. Os datos obtidos, relevantes dende calquera punto de vista (e de gran interese non só para Lalín, senón para todo conxunto dos concellos da nosa terra), foron dados a coñecer onte polo concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, quen sinalou que o informe puxo o foco en rastrexar a presenza de condutas aditivas, en relación ás novas tecnoloxías e tamén a substancias estupefacientes.
Realizouse no marco o programa municipal de prevención das adiccións que se desenvolveu o ano pasado e que terá continuidade no actual en colaboración co Concello de Silleda. Entre as principais conclusións que achega, figura a constatación dunha importante porcentaxe de adolescentes consumindo Internet máis de catro horas ao día (o 25%). Ademais, o 42,3% considera que o uso da Rede algunha vez restou rendemento no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade cando tentou conectarse e non foi capaz.
Este estudo, do que xa foron presentados os resultados relativos ao consumo de drogas, busca, segundo Casares, “ser un espello da realidade lalinense no referente aos trastornos aditivos e servir como base para que as persoas que se encarguen de traballar sobre a prevención teñan un marco de referencia”.
O informe sobre Internet baséase nas enquisas que cubriron anonimamente alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES Laxeiro, Aller Ulloa e Sagrado Corazón, cun rango de idade comprendido entre os 13 e os 16 anos. Destes, o 52,6% foron mulleres e o 47,4% homes. Como dato introdutorio, segundo a análise do informe, o 58% recoñece as adicións como condutas repetitivas daniñas, pero só o 14,9% recoñece que presenta algunha na actualidade. Pola contra, o 60,5% asegura que alguén do seu círculo de familiares e de amigos padece algunha adicción.
Segundo fixo saber o edil, entre as condutas aditivas máis frecuentes na adolescencia figuran os comportamentos fóra de control relacionados coas novas tecnoloxías, a Internet, aos xogos e ás compras. Casares sinalou que o uso de Internet “pode ser problemático cando o número de horas de conexión afecta ao correcto desenvolvemento da vida cotiá, causando, por exemplo, estados de somnolencia, alteracións no estado de ánimo, redución das horas adicadas ao estudo, etc”.
Segundo se desprende do estudo, o 42,3% dos enquisados emprega Internet unha media de entre 2 e 4 horas diarias, mais o 25,1% afirma realizar un consumo medio da Rede maior de 4 horas ao día. O 90% úsano principalmente para o servizos de mensaxes instantáneas e redes sociais, afirmando o 100% que dispón dun dispositivo móbil de última xeración propio. A día de hoxe, o informe sinala que a rede social máis empregada polos adolescentes lalinenses é o Instagram.
Na investigación tamén se afirma que o 77% dos participantes realiza un uso de Internet persoal e o 20,9% recoñece ficar sempre conectado máis tempo do que tiña planificado. En relación aos usos, o 85% nunca deixou de facer plans cos amigos e familiares para usar Internet, pero o 36,7% refire enfadarse cando alguén o interrompe mentres usa o móbil ou outro dispositivo. Así mesmo, o 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento de xeito negativo no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade ou preocupación cando tentou conectarse e non foi quen.
No informe tamén que se fai saber que o 40% dos participantes fan un uso de xogos por Internet. O edil, se ben recoñeceu que o xogo en si “é unha actividade normal e positiva na vida de calquera adolescente, que lle permite un desenvolvemento físico, psicolóxico e social”, pode converterse nun problema cando se converte en recorrente e hai diñeiro en liña de por medio. “As condutas de risco ante o xogo”, sinalou, “xorden en primeiro lugar pola dependencia que esta actividade pode crear”, e neste senso o 37% dos participantes refiren molestarse se os interrompen mentres están xogando. Ademais, do 40% que participa en xogos online soamente un 9% dos estudantes enquisados refire ter realizado apostas nalgunha ocasión.
Compras
O 19% dos participantes utiliza o comercio electrónico no seu uso habitual de Internet. O 46,9% dos participantes sentiu algunha vez a necesidade de mercar algo que non precisase e un 7% sempre sinte a necesidade de ir de compras aínda que non precise nada.
Como conclusión, e aínda que os casos de risco son puntuais, o estudo sinala que “se debe prestar especial atención a este tipo de adicións de conduta, especialmente ás redes sociais e aos comportamentos abusivos relacionadas co uso de Internet”.
Nicolás González Casares fixo fincapé en que o estudo aporta datos reais da sociedade lalinense e que servirá como a base sobre a que pivotará o programa de prevención de condutas aditivas, que se iniciou o ano pasado con estudios e diversos obradoiros incluídos no programa Mocidade Activa e que terán continuidade este ano en colaboración co Concello de Silleda.

PUBLICIDADE