O Concello de Lousame e Amigos de Galicia achegarán as TIC ás persoas maiores do municipio
martes, 28 de maio do 2024
O Concello de Lousame, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, porán en marcha a segunda edición do programa Nosos maiores, mellor acompañados. Trátase dunha iniciativa gratuíta dirixida á poboación sénior do municipio barbanzán, en especial aquelas que vivan soas, para promover un envellecemento activo mediante a súa sociabilización e dixitalización.
Baixo este obxectivo, Concello e Fundación organizarán catro sesións nas que mostrarán como manexar o teléfono móbil e os computadores para realizar xestións a través de Internet (pedir citas médicas ou coa Administración, banca electrónica…).
Serán un total de 10 horas de formación centradas nas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), repartidas en catro sesións, a desenvolver os luns 17 e 24 de xuño e os luns 1 e 8 de xullo. As clases celebraranse na escola do Sanguiñal, en horario de 10:00 a 12:30 horas. A participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no Departamento de Servizos Sociais de Lousame (981 820 494).
Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil para que, de forma práctica, as persoas maiores poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a través da aplicación móbil do SERGAS, gardar quenda no seu centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.
“Trátase duns obradoiros prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Lousame, para que así poidan levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma”, explicou o Concello.