O Concello de Lousame organiza un curso de manexo do móbil para persoas maiores

martes, 10 de outubro do 2023 S. P.

O Concello de Lousame vai desenvolver esta tempada un curso básico de manexo do móbil para que os maiores do municipio aprendan a sacar todo o partido dos seus dispositivos e teléfonos móbiles. Trátase dun obradoiro gratuíto dunha hora semanal de duración a desenvolver no Consistorio de Lousame en diferentes quendas.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, destaca que “con estes cursos buscamos proporcionarlles ás persoas maiores de Lousame os coñecementos suficientes para un eficaz uso dos seus dispositivos móbiles: desde aspectos lúdicos como aprender a facer e enviar fotos e vídeos, utilizar o WhatsApp ou consultar as redes sociais até cuestións máis prácticas como descargar aplicacións para pedir cita médica, ler a prensa ou escoitar a radio, por exemplo”.
Estes cursos están abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame e serán totalmente de balde, previa inscrición nos Servizos Sociais do Concello (981 820 494) ou por WhatsApp no 689 126 385. Esta iniciativa está organizada pola Concellería de Servizos Sociais e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude.

PUBLICIDADE