O Concello de Lousame solicita a colaboración veciñal para identificar os lugares sen cobertura

venres, 26 de xullo do 2024 S. P.

O Concello de Lousame emitiu un comunicado no que solicita a colaboración veciñal para “coñecer exactamente o estado de cobertura da telefonía móbil en todo o municipio”. Segundo explicou o Goberno local, esta información será empregada de cara á elaboración da proposta de instalación de antenas 5G en Lousame para así a mellorar a cobertura dos dispositivos móbiles.
“Precisamos identificar os enclaves do noso territorio aos que non chega a cobertura 4G e, onde a haxa, que non alcance unha velocidade mínima de 50 Mbps, polo que é necesaria a colaboración da veciñanza para garantir un mellor servizo coa proposta de instalación de antenas 5G”, indicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.
Os veciños e veciñas que desexen colaborar deberán enviar un correo electrónico a sede@concellodelousame.gal cunha captura de pantalla, coa medición da velocidade do sinal, e indicando o lugar onde foi tomada. Unhas achegas que deberán enviarse antes do próximo 4 de agosto.