O Concello de Lugo acada o compromiso do Goberno para dotar de cobertura as zonas brancas

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

Lara Méndez, rexedora de Lugo, nunha xuntanza recente coa veciñanza do rural

Até 593 pequenas agrupacións de vivendas, en total 2.522 inmóbeis do rural do concello de Lugo, disporán en datas vindeiras de banda larga. Así o fixo saber a alcaldesa Lara Méndez e así llo confirmou, previamente, o Goberno central, a través da Dirección Xeral de Telecomunicacións, que constatou que o Plan Único para levar Internet de alta velocidade ás zonas brancas dos concellos inclúe na súa folla de ruta dotar a todas as parroquias do termo municipal de Internet de alta velocidade.
“Trátase dunha actuación importantísima”, comentou o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, salientando que “beneficiará á totalidade do censo estatal de zonas brancas ou con ausencia de operador na nosa localidade e que suporá un antes e un despois no que ten que ver coas prestacións que ofrece o rural para asentar poboación, para rachar coa brecha que, neste aspecto, o lastra fronte ás contornas urbanas e que propiciará, así mesmo, o desenvolvemento dixital para o sector agrogandeiro ou forestal pero tamén a modernización empresarial en xeral”.
O edil anunciou, ademais, que, nestes momentos, o Executivo de Lara Méndez colabora con AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia (que xunto ao Goberno Central son as dúas administracións que teñen competencias na materia) para estender a outras 15 entidades singulares de poboación o despregamento de redes 4G e telefonía móbil.
Os núcleos beneficiarios son Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño, Bacurín, Carricova, O Burgo, Gondar, o Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Miñao, Cabanas e Torible. Neles buscaranse xa os terreos axeitados para poder instalar as torres en coordinación coa empresa pública autonómica Retegal, que é a responsábel de executalas.
Fernández explicou, igualmente, que o impulso dado pola súa área á mellora da calidade das redes de acceso móbil de voz e Banda Larga no rural ten como base técnica o estudo elaborado polo Concello para determinar, de xeito preciso, as necesidades de cobertura dos 320 núcleos que integran as 54 parroquias de Lugo. E engadiu: “Foi unha análise que serviu como base para documentar as nosas solicitudes a fin de poder detallar cal era a situación real do municipio e as demandas que, ao noso xuízo, urxía atender con maior prioridade, de xeito que, logo destas actuacións acabadas de anunciar, xa non existirán no noso concello zonas con máis de dúas entidades de poboación sen redes de alta capacidade ou 4G, agás unha pequena porcentaxe de lugares nas que non ten aplicación este tipo de tecnoloxía pola súa dificultade orográfica ou xeográfica”.

PUBLICIDADE