O Concello de Lugo achega un curso de comunicación dixital para 35 emprendedores

venres, 31 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Lugo anunciou esta semana que vai formar a 35 emprendedores lucenses en comunicación dixital. Farao a través dun curso online e gratuíto impartido por Mar Castro, doutora en Comunicación, profesora da UVigo e asesora empresarial. O obxectivo do Goberno lucense é plantar cara ás consecuencias económicas e sociais da COVID con formación e especialización. O curso vén da man da Área de Desenvolvemento Local e Emprego en colaboración con AJE Lugo.
A acción formativa incluirá cinco sesións de vídeo-conferencia os días 10, 12, 14, 17 e 19 de agosto en horario de 15:30 a 17:00 horas (90 minutos cada unha), unha sesión de asesoría individual de 60 minutos, e máis un achegamento ao Manual de Comunicación Profesional Dixital Post COVID-19, elaborado pola autora, para entregar aos participantes en formato dixital.
En total, haberá 35 prazas dispoñíbeis. Os interesados poderán formalizar as súa inscrición a través do correo electrónico: info@ajelugo.com O programa inclúe 5 bloques a través dos que se vai afondar nas seguintes cuestións: comunicación asertiva, comunicación oral, comunicación non verbal, comunicación escrita e comunicación corporativa.
A finalidade do curso é mellorar as habilidades comunicativas dos participantes, contribuíndo a unha mellor visualización dos diferentes produtos, servizos e marcas a través das ferramentas e acubillos online.
Segundo informa o Concello, esta acción de formación e asesoramento “permitirá aos asistentes dominar os códigos de conduta dixital, coñecer a influencia dos indicadores non verbais e xestionar de maneira óptima a marca profesional”.
A docente
Mar Castro é doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo. Asesora empresarial e docente universitaria en Oratoria Emocional e Oratoria Dixital, Comunicación Política, Protocolo Social, Protocolo Empresarial, Marca Persoal e NETiqueta. Relatora convidada en cursos de grao e pos-grao, congresos de protocolo, comunicación e oratoria en diversas universidades e escolas de negocio españolas e hispanoamericanas. Ademais, é colaboradora habitual en medios de comunicación, revistas e blogs especializados.
É autora dos libros Protocolo Social e NETiqueta. Comunicación en entornos digitales, e coautora de Técnicas para hablar en público. Guía para una comunicación eficaz. Creadora dun blog persoal sobre netiqueta, protocolo e oratoria..

PUBLICIDADE