O Concello de Lugo activa tótems dixitais nos museos e o Vello Cárcere

luns, 6 de xullo do 2026 S. P.

O Concello de Lugo ten xa plenamente operativos os tótems dixitais instalados na rede museística municipal e no Vello Cárcere para facilitar aos visitantes un acceso máis sinxelo e completo á información turística e cultural da cidade.
O concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, e a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, comprobaron o funcionamento destes dispositivos e destacaron as novas posibilidades que ofrecen aos usuarios.
En concreto, os tótems están situados no Museo Arqueolóxico de San Roque, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), na Sala Porta Miñá, no Centro de Interpretación da Muralla, Casa dos Mosaicos e no Vello Cárcere.
A través dunha pantalla táctil, os visitantes poden consultar información práctica sobre horarios, localización, recursos e redes sociais dos distintos espazos museísticos, así como acceder á páxina museoslugo.gal, visualizar vídeos sobre o patrimonio lucense e descargar contidos relacionados coas rutas turísticas, o Camiño Primitivo, as ventás arqueolóxicas ou o plano da cidade.
Os dispositivos permiten ademais consultar a axenda cultural de Lugo, facilitando que tanto visitantes como lucenses coñezan a programación de actividades que se desenvolve na cidade.
Agustín Gallego destacou que "estas ferramentas contribúen a facer máis accesible a información e melloran a experiencia de quen visita Lugo, ao tempo que permiten dar unha maior visibilidade ao conxunto da nosa oferta patrimonial e cultural".
Pola súa banda, Cristina Sanz sinalou que "a incorporación destas solucións dixitais supón un paso máis na modernización dos servizos municipais e na aposta por un turismo de calidade, baseado na innovación e na mellora da atención ás persoas que nos visitan".