O Concello de Lugo avanza novos treitos en eAdministración urbanística

luns, 11 de novembro do 2019 Redacción

O Concello de Lugo vén de dar un paso importante en materia de xestión urbanística e servizos tecnolóxicos a empresas e cidadáns. E faino sincronizando a súa plataforma dixital coa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o que permitirá, segundo informou o Goberno local, “unificar procedementos e acurtar os prazos de tramitación de licenzas”.
Estes e outros datos foron dados a coñecer a semana pasada polo concelleiro Miguel Couto e os responsábeis da dita entidade colexial, que mantiveron unha xuntanza técnica para “poñer en contexto” os procesos que empregan ámbolos organismos neste intre ao mesmo que tempo que se asentaron os alicerces da dita integración das plataformas electrónicas”. O obxectivo, dixo o edil, “é mellorar o intercambio de información entre as dúas entidades para simplificar a burocracia, abreviar os procedementos e, consecuentemente, os prazos e igual que aforramos tempo, tamén deixar de malgastar papel”.
Tamén detallou que cando os sistemas finalmente se coordinen, “toda vez que o proxecto dispón do visado correspondente”, os técnicos municipais poderán descargalo dende a plataforma do colexio mediante un código de identificación que terá incorporado cada expediente, sen necesidade de que os interesados teñan que traelo en formato físico ao consistorio nin darlle entrada por Rexistro. “Favorecemos así o seu manexo, diminuímos o número de xestións que asumen os administrados e posibilitamos unha comunicación más rápida que redundará, asemade, nunha maior eficiencia do labor municipal”, avanzou Miguel Couto que agarda que este novo mecanismo de funcionamento estea totalmente implantado a principios do 2020.

PUBLICIDADE