O Concello de Lugo colaborará co CIFP As Mercedes para operar drons especializados en rescate e asistencia

martes, 30 de xaneiro do 2024 S. P.

A alcaldía de Lugo ultima unha colaboración co centro de Formación Profesional As Mercedes que permitirá ao servizo municipal de Protección Civil operar drons desenvolvidos por este centro educativo nunha contorna operativa real. O acordo, en palabras do Concello, “abre un novo abano de posibilidades a nivel municipal aplicábeis a ámbitos moi diversos: desde a procura de persoas ata a execución de fotogrametría 3D en contornas naturais e patrimoniais para previr situacións potencialmente perigosas”.
A un nivel máis concreto e tecnolóxico, esta colaboración inclúe a preparación dun vehículo municipal como centro de operacións para comandar UAS de distintos tipos, dispositivos robóticos e aqueles sistemas anti-dron implementados por As Mercedes dentro dos seus ciclos formativos.
“O obxectivo deste traballo conxunto, que canalizará a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é converter ao Concello de Lugo nun referente de operatividade con este tipo de sistemas aproveitando o material punteiro co que conta este centro de FP referente en robótica a nivel galego”, sinalou a alcaldesa Paula Alvarellos, engadindo que “tamén pretendemos lograr a mellora da formación e capacitación profesional do seu alumnado á hora de realizar funcións no mando e control de diversos sistemas non tripulados, tanto aéreos como terrestres”.
A rexedora lembrou que o Concello xa conta na actualidade con dous drons, un aéreo e outro subacuático, adscritos a tarefas de vixilancia, rescate e control de tráfico ou eventos. Indicou tamén que a incorporación deste tipo de ferramentas tecnolóxicas ao funcionamento dos nosos servizos cidadáns, como Protección Civil ou a Policía Local, “está a ter un impacto moi positivo en termos de seguridade na nosa cidade, e así o constatamos con experiencias previas, como o control das Festas de San Froilán 2023 ou o rescate do pasado mes de agosto, cando o dron subacuático de Protección Civil permitiunos localizar e recuperar un cadáver no leito do Miño nun tempo récord, aforrando así un elevado custo tanto en recursos humanos como económicos”.