O Concello de Lugo comprométese a traballar para que a fibra óptica chegue ao núcleo de Albeiros

luns, 14 de setembro do 2020 S. P.

O Goberno local de Lugo quere impulsar a cobertura tecnolóxica no termo municipal, poñendo o foco en medidas que eliminen a fenda dixital que separa á veciñanza do rural da dos barrios urbanos, onde as opcións de servizo e cobertura son maiores e mellores. Este labor estase a materializar en medidas como a anunciada os días pasados polo Concello para favorecer a chegada da fibra óptica á zona de Albeiros e a todos os seus núcleos: O Souto, Os Cómaros, A Granxa, O Curral, A Garaballa de Arriba, A Croa e A Torre.
Lembrar que nesta contorna está arestora en marcha unha iniciativa veciñal para axilizar a chegada de accesos de calidade ás telecomunicacións (tecnoloxía FTTH). “Por parte do Concello traballaremos para que os veciños de Albeiros dispoñan de fibra óptica” explicou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
A petición da comisión cidadá foi achegada á propia rexedora de mans de Fernando Rois, portavoz da federación veciñal (acompañado de Marcos Fernández e José Vázquez), e consiste nunha solicitude para dotar de fibra óptica de alta velocidade á zona de Albeiros, que aínda non dispón desta conexión a Internet. “Compartimos a petición dun servizo moi demandado e necesario para poder levar a cabo o traballo ordinario ou mesmo teletraballo, pero cabe sinalar que é un proceso no cal hai que seguir uns cantos pasos para que poidan gozar do servizo e por parte do Concello traballaremos para que os veciños de Albeiros dispoñan de fibra óptica” explicou a alcaldesa de Lugo.
Méndez comprometeuse a colaborar coa implantación de fibra óptica nesta zona, a través do dialogo con outras administracións e tamén na procura de fondos xa que “temos o deber de romper coa fenda tecnolóxica existente na urbe da cidade”. E engadiu: “Hoxe en día Internet supón o cordón umbilical do progreso e traballaremos para que a zona de Albeiros goce deste servizo”
Méndez lembrou que a fibra óptica permite a transmisión dos datos de “forma moi rápida” e é moi estábel “porque non se ve afectada por interferencias, ademais de permitir conectar de xeito simultáneo varios dispositivos a Internet sen que haxa percepción de perda de velocidade”.
Pola súa banda os membros da comisión veciñal, agradeceron "a colaboración do Concello” e o apoio recibido para axudar a que Albeiros logre o obxectivo de contar con fibra óptica de alta velocidade, “un servizo fundamental durante a crise da COVID-19”, dixeron.

PUBLICIDADE