O Concello de Lugo destinará máis de 500.000 euros a habilitar un centro de datos anti-incidencias

luns, 14 de setembro do 2020 Sonia Pena

JPEG - 97.8 KB
A alcaldesa Lara Méndez nunha imaxe de arquivo

O Concello de Lugo vai destinar máis de medio millón de euros a equipar o seu sistema de Administración Electrónica dun centro respaldo que o protexa ante incidencias de toda índole. O proxecto, cuxa licitación será levada á xunta de Goberno local, consiste en detalle na posta en marcha dun Centro de Procesamento de Datos (CPD) de apoio para o que se destinará unha contía de 507.555 euros e que terá capacidade para salvagardar a información municipal ante calquera situación imprevista.
O Concello lembra que na actualidade dispón dunha sala CPD no Centro de Servizos Municipais emprazada no Seminario, unha sala que “conta cunhas medidas especiais de seguridade, para evitar un posíbel apagamento”, ademais “dunhas condicións específicas de climatización”. A posta en marcha dun novo sistema de respaldo permitirá, en palabras do Concello, “que en caso de incidencias graves ou de desastres que inutilicen total ou parcialmente o centro de datos actual, os servidores do Concello continúen funcionando, a través deste segundo CPD”, que permitirá manter o acceso a múltiples datos como o pago de recibos, o padrón, a propiedade de inmóbeis ou a propia Sede Electrónica.
Tamén se garantirá a continuidade do servizo entre os traballadores municipais, cidadáns, provedores ou empresas que se relacionan coa Administración local a través de internet.
Segundo engade o Concello, o novo centro de proceso de datos contribuirá ao obxectivo específico de impulsar proxectos tecnolóxicos de incorporación das TIC aos servidores públicos municipais, así como á aposta pola modernización da Administración Electrónica (un dos grandes obxectivos do proxecto Lugo Smart City).

PUBLICIDADE