O Concello de Lugo exportará para os hospitais un proxecto de ensinanza en liña para nenos doentes

venres, 11 de maio do 2007 Raquel Noya

O Hospital Xeral de Lugo vén de pór en marcha o programa Abred, unha iniciativa que permitirá ós escolares hospitalizados ou doentes de longa duración seguir recibindo as súas clases en liña dende os centros hospitalarios ou dende os seus domicilios. Abred enmárcase dentro do proxecto Lugo Dixital, un programa municipal que aposta polas novas tecnoloxías da información, creado polo concello a través da Área de Servizos Xerais, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria e a UE a través de fondos FEDER.
O programa piloto vén de ser estreado no Hospital Xeral de Lugo, onde 9 nenos doentes acompañados dos seus pais puideron comprobar a eficacia das clases en liña e o correcto funcionamento dos equipos informáticos.
Segundo informa o Concello de Lugo sobre o programa, o hospital pode afondar así no seu labor de pór tódolos medios á disposición das familias, non só para sandar ós nenos doentes, senón tamén para superar os efectos psicolóxicos negativos que lles afectan. Asemade, ó longo do período de convalecencia nos seus domicilios, os nenos estarán apoiados nas súas facetas escolares polos profesionais de Abred, que lles axudarán a non perder a continuidade nos seus estudos.
O equipo de traballo de Abred está formado por:
· 1 docente TIC.
· 1 xefe de proxecto.
· 1 concultor funcional educativo.
· 1 analista
· 2 técnicos de desenvolvemento.
· 1 coordinador do Concello
· Os enxeñeiros precisos para a implantación e a instalacións do hardware e o software.

O material de traballo que o Concello de Lugo pon a disposición dos nenos doentes en idade de escolarización primaria son:
· 12 ordenadores TabletPc.
· Conexión a Internet.
· 12 cámaras para videoconferencia.
· 1 encerado virtual
· Claves de usuario
· Plataforma tecnolóxica.

O Ministerio de Sanidade non se fixo agardar e xa anunciou o seu interese por exportar este programa ó resto dos hospitais españois polo que vai seguir ben de preto a súa posta en funcionamento.

PUBLICIDADE