O Concello de Lugo faise coa acreditación de Destino Turístico Intelixente
mércores, 28 de maio do 2025
Un modelo de turismo sostible, innovador e accesible é o obxectivo do Concello de Lugo, meta na que está traballar e así o veñen de recoñecer por parte da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), dependente da Secretaría de Estado de Turismo. Logo de avaliar ao Concello de Lugo, o informe da SEGITTUR acredítao como Destino Turístico Intelixente Adherido.
Indo ao diagnóstico, baseado na análise de 261 indicadores e 97 requisitos vinculados aos eixes de goberno, innovación, tecnoloxía, sostibilidade e accesibilidade, proporciona ao Concello unha folla de ruta clara para avanzar na implantación do modelo DTI. Isto fai que Lugo se una a un senlleiro grupo de destinos turísticos que apostan por unha xestión moderna, transversal e baseada na mellora continua.
A delegación de SEGITTUR levou a cabo unha visita técnica para coñecer de primeira man os principais recursos turísticos do municipio e avaliar aspectos como a accesibilidade, a dixitalización e a sostibilidade do destino. A colaboración entre as distintas áreas municipais e os axentes privados foi clave para completar con éxito esta fase de diagnóstico.
Segundo o rexedor, Miguel Fernández: “este recoñecemento é unha mostra do bo traballo que estamos a facer para transformar Lugo nun destino máis intelixente, máis sostible e mellor preparado para os retos do turismo do futuro”. Engadiu que “o modelo DTI permítenos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e participativa, que mellora a experiencia de quen nos visita e a calidade de vida de quen vive aquí”. Fernández sinalou que “Lugo está a dar pasos firmes para consolidarse como un referente no turismo sostible e de calidade. A nosa aposta pola innovación e a colaboración público-privada son claves para acadar este obxectivo”.
Engadir que Lugo se adheriu en marzo de 2024 á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), unha iniciativa promovida polo Goberno de España que conta xa con máis de 300 membros.
Alén disto, o Concello de Lugo está a executar o Plan de Sostibilidade Turística en Destino Et edendo Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía, financiado con 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. Este plan contempla un total de 14 actuacións encamiñadas á posta en valor dos recursos e á creación de produtos turísticos arredor da enogastronomía lucense.
Entre as accións máis salientables atópanse: a creación dun centro de enogastronomía na Fábrica da Luz e a aceleradora Turística TurisTalent 5.0, a única aceleradora do ámbito turístico actualmente en Galicia. Este programa, que terá a súa sede no edificio Impulso Verde, está destinado a impulsar proxectos emprendedores e innovadores no sector turístico e enogastronómico lucense. A aceleradora desenvolverase ao longo de nove meses e incluirá formación especializada, asesoramento técnico e apoio na consecución de financiamento.
