O Concello de Lugo pon en marcha un curso de piloto de drons

mércores, 15 de xullo do 2020 S. P.

Avanza o interese na nosa terra en todo o relativo aos vehículos aéreos non tripulados e, en consecuencia, avanza tamén a formación, as expectativas e a demanda laboral arredor deles. Froito disto, o Concello de Lugo organiza, a través da área de Xuventude, un curso de piloto de drons. Faino dentro da programación do +Xti, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas. Está dirixido a lucenses de 18 a 55 anos, empadroados en Lugo. Achéganse 20 prazas. As inscricións teñen que realizarse antes do 16 de xullo (até cubrir prazas) a través de maisporti@lugo.gal.
A actividade, que é de balde, desenvolverase baixo a metodoloxía online e presencial. A primeira vertente concentrarase entre o 27 de xullo e o 31 de agosto. A segunda, a presencial, terá datas fixas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, o 24 de xullo das 17 ás 20 horas, o 4 de setembro, das 16.30 ás 20.30 horas, o 5 de setembro, das 10 ás 14 horas, e das 16 ás 20 horas e o 6 de setembro, das 9 ás 14 horas.
Este curso súmase a outros, tamén da programación do +Xti, que manteñen o prazo de inscrición aberto, no mesmo enderezo electrónico: o curso de comunicación con éxito, emocións, creatividade e emprendemento (cuxo prazo de inscrición está aberto ata o 17 de xullo, ás 14.00 e que terá lugar no CEI-NODUS, luns, mércores e xoves, dende o 20 de xullo ao 7 de agosto en horario de 10 a 14 horas), o curso de recursos lúdicos para animación (coa inscrición ata o 24 de xullo e impartíndose do 27 de xullo ao 14 de agosto, de luns a venres, de 10 a 14 horas, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra), e por último, o obradoiro de deseño e impresión 3D (coa inscrición aberta ata o 28 de xullo ás 14 horas; impartirase tamén no CEI-NODUS, do 30 de xullo ao 7 de agosto, das 10 ás 14 horas).

PUBLICIDADE