O Concello de Lugo sumouse con diversas actividades á inclusión dos maiores nas TIC

xoves, 19 de maio do 2022 S. P.

Coincidindo co Día Mundial de Internet, que se celebrou este 17 de maio xunto coas Letras Galegas, o Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Olga López Racamonde reivindicou o dereito das persoas maiores a acceder ás novas tecnoloxías. O Executivo de Lara Méndez sumouse deste xeito á campaña de sensibilización que impulsa a Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC).
Este ano, a efeméride do 17 de maio puxo o foco no colectivo da terceira idade, un grupo considerado vulnerábel no que se refire ao uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (as TIC) pois segundo apuntou a edil reflectindo datos da última enquisa do INE, preto do 60% das e dos galegos entre 55 e 74 anos escasamente teñen competencias dixitais.
Entre as accións artelladas pola Concellería de Benestar ao respecto, incluíuse a instalación de mupis informativos en distintos puntos da capital, ao tempo que se está a poñer o foco en divulgar a iniciativa nos diversos centros de convivencia municipais e nas redes sociais.“Queremos que as e os nosos maiores sexan conscientes dos beneficios que lles poden reportar as TIC, como estas facilitan as xestións burocráticas coas diferentes administracións e organismos públicos, especialmente en tempos de pandemia, e achegarlles as destrezas e os medios que precisan para desenvolverse neste ámbito con soltura e seguridade. De maneira que combatemos a fenda dixital e favorecemos o envellecemento activo”, subliñou Olga López.
Esta é a segunda de oito campañas, que ao abeiro do slogan Persoas maiores, cos mesmos dereitos CONFEMAC está a poñer en marcha, xunto a municipios de todo o territorio nacional, ata finais de ano.

PUBLICIDADE