O Concello de Mugardos fortalece cunha nova plataforma a súa comunicación coa cidadanía

venres, 5 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Mugardos rematou 2017 poñendo en marcha unha plataforma dixital de información á cidadanía. O servizo, que xa está en marcha dende decembro, céntrase basicamente en acurtar distancias coa veciñanza en materia de comunicación e en incentivar a súa participación na vida pública local, achegando as novas do municipio por correo electrónico, mensaxes de texto no móbil ou mensaxes instantáneas a través da aplicación Telegram.
A plataforma foi dada a coñecer pola alcaldesa Pilar Díaz, que salientou que se trata dun novo instrumento “que reforza as canles de comunicación” do Goberno local coa veciñanza e que permite “achegarlle o traballo institucional, moitas veces pouco coñecido”. O servizo está dispoñíbel en concellodemugardos.tcinforma.com.
A plataforma leva o nome TCI (Túa Cidade Informa) e, segundo informou a rexedora, a súa creación e posta en marcha foi adxudicada á empresa Codery Os Solutions por 3.000 euros. Durante 2018 a aplicación estará en fase de probas e validación, avaliando os responsábeis municipais a súa eficacia en materia de transparencia e seguindo moi de preto o nivel de uso acadado entre unha poboación, a mugardesa, “que polo seu grao de envellecemento non está afeita a recibir información mediante este tipo de ferramentas”, sinalaron fontes do Concello, engadindo que o emprego da plataforma vaise impulsar coa distribución de cartaces e dípticos para informar á cidadanía da existencia do servizo e acadar o maior número de usuarios.

PUBLICIDADE