O Concello de Narón impulsa a transformación tecnolóxica (e inclusiva) do Camiño Inglés
mércores, 9 de agosto do 2023
O
concelleiro de Medio Ambiente e Sanidade de Narón, Manuel
Ramos, e a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula
Gárate, presentaron detalles do proceso de transformación do que
está a ser obxecto o Camiño Inglés ao seu paso por
Ferrolterra, proceso
do que xa adiantamos información os días pasados dende Código
Cero. Máis en concreto, o Concello de Narón apostou por
instalar códigos QR e unha xincana turística. O obxectivo é
modernizar o percorrido e facelo cen por cen inclusivo.
En
concreto, o Concello apostou por materializar esta iniciativa
promovida pola ASCM “para achegar o Camiño Inglés ás persoas con
mobilidade reducida e ofrecer novas experiencias turísticas para
todas as persoas”. En total instaláronse catro códigos QR no
paseo de Xuvia, concretamente nas inmediacións do parque canino, do
parque infantil, da ponte que enlaza os concellos de Neda e Narón e
do magnolio centenario. Dende a plataforma guiaventuras.com
á que redireccionan os QR (de cor azul) pode accederse a toda a
información.
“Este
percorrido autoguiado atópase nas inmediacións do quilómetro 100
do Camiño Inglés cara a Compostela e discorre por un trazado
adaptado a persoas con discapacidade, contando cun sistema de
audioguía que pode utilizar calquera persoa”, explicou Ramos.
Pola
súa banda, a presidenta da ASCM incidiu en que se trata “da
primeira xincana turística dixital inclusiva no país”. Gárate
apuntou que “esta innovadora experiencia consiste en percorrer un
tramo do Camiño de Santiago dunha forma diferente, respectuosa e
divertida porque mentres se segue o percorrido marcado, coa axuda dun
móbil recíbese información sobre os puntos que imos visitando”.
A información ofrece datos históricos, etnográficos e curiosidades
dos puntos visitados. Porén, sinalaron, o visitante “non poderá
avanzar ao obxectivo seguinte do itinerario ata que non resolva unha
pregunta ou reto relacionados co punto en cuestión, habendo un total
de trece”.
Unha
descrición da cidade, da importancia das peregrinacións, o proxecto
Life Water Way de fontes públicas de auga para consumo, o río
Xuvia, a igrexa de Santa Rita, a pasarela peonil entre Narón e
Xuvia, o magnolio centenario, o muíño de Xuvia, o pan de Neda e o
albergue da localidade forman parte deses contidos sobre os que se
ofrece información ao avanzar nesta xincana turística do Camiño
Inglés inclusivo.