O Concello de Narón lanza un laboratorio xuvenil STEM para o inicio do Nadal
venres, 5 de decembro do 2025
O Concello de Narón, a través do Servizo Sociocomunitario, pon en marcha este mes de decembro o obradoiro Narón Lab, unha proposta dirixida á mocidade do municipio que combina tecnoloxía, creatividade e divulgación do patrimonio local.
O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, destacou durante a presentación da iniciativa que “queremos que a rapazada de Narón descubra o noso patrimonio dun xeito diferente, empregando ferramentas que lles resultan atractivas e que lles permiten crear, investigar e experimentar”. Engadiu tamén que “a posta en marcha deste obradoiro reforza a aposta municipal por espazos onde a mocidade poida desenvolver competencias dixitais e, ao mesmo tempo, conectar coa identidade do noso concello”.
Narón Lab, segundo especificou o edil, desenvolverase na Casa da Mocidade da Gándara os días 22, 23, 24, 25, 26 e 29 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
O programa inclúe unha introdución práctica ao deseño e produción 3D, á robótica con Wonder Kit e Microbit, á programación coa ferramenta Scratch na plataforma MS MakeCode e á creación de videoxogos 2D con MS Arcade.
Ademais, incorpora dinámicas STEAM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas, nas súas siglas en inglés), traballos de busca de información e exercicios centrados no patrimonio e as infraestruturas de Narón.
O obxectivo principal é “fomentar que a mocidade explore e interprete o patrimonio local a través de ferramentas tecnolóxicas, converténdose en creadoras activas de contidos innovadores e accesibles”, explicou, engadindo que o obradoiro Narón Lab ofrece 14 prazas, destinadas a mozos e mozas empadroados en Narón de entre 11 e 16 anos.
A actividade é de balde e as inscricións poden realizarse dende o martes 2 de decembro e ata esgotar prazas a través da sede electrónica do Concello, do rexistro municipal ou nos lugares establecidos na Lei 39/2015, empregando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica.
As prazas asignaranse por orde rigorosa de inscrición. O Concello verificará o requisito de empadroamento e contactará telefonicamente co alumnado admitido.
