O Concello de Outes lanza unha aplicación gratuíta ao servizo da veciñanza

martes, 14 de maio do 2024 S. P.

O alcalde de Outes, Manuel González, e o tenente alcalde e concelleiro de Comunicación, Anxo Núñez, presentaron esta semana a aplicación móbil municipal Outes Informa, unha ferramenta gratuíta ao servizo da cidadanía para que residentes e visitantes teñan “acceso doado e sinxelo a toda a información municipal de relevancia”, sinalaron.
En palabras do alcalde, "esta aplicación supón un salto cualitativo nas comunicacións do Concello, xa que Outes informa servirá para informar a golpe de clic de todas as actividades e procesos administrativos da Administración local máis tamén para que a cidadanía lle envíe ao Concello incidencias e propostas de toda índole”. E engadiu: “A través desta aplicación as veciñas e veciños poderán ver e recibir notificacións sobre avisos, anuncios e novas municipais. Poderán consultar a axenda de eventos e actividades municipal, visualizar os vídeos dos plenos e roldas de prensa oficiais. Poderán tamén comunicarse directamente co Concello para enviarnos propostas ou incidencias”.
O tenente alcalde fixo fincapé en que “esta aplicación supón un grande avance na comunicación en dous sentidos entre a veciñanza e o Concello. Queremos que non quede ninguén sen ter na súa man toda a axenda de actividades e servizos que ofrece o Concello así como poder recibir os avisos e novas municipais en tempo real. Damos un paso máis dentro do noso plan de mellora de comunicación que comezamos hai uns meses e que seguiremos ao longo deste ano tamén renovando a páxina web municipal."
A aplicación Outes Informa tamén achega os xeitos de contactar cos distintos servizos municipais e outros teléfonos de interese, coñecer máis sobre o patrimonio local ou obter un listado co comercio do termo municipal e de proximidade.
A aplicación está dispoñíbel para a súa descarga nas versións de Android e iOS.