O Concello de Pontevedra aproba a declaración de accesibilidade da súa eSede

venres, 23 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Pontevedra vén de aprobar a declaración de accesibilidade da Sede Electrónica. E faino logo de dunha “autoavaliación” desenvolvida a través de informe solicitado ao Observatorio de Accesibilidade. Segundo informa o Goberno local, a declaración conforma “o primeiro chanzo na aplicación das normativas, estatal e europea, destinada a garantir uns requirimentos mínimos de accesibilidade de sitios webs e aplicacións para dispositivos móbiles do sector público”. Con isto, o Concello espallar a relación dixital real e efectiva a toda a cidadanía, evitando que a súas canles e ferramentas online fomenten dalgún xeito a fenda dixital.
O Executivo local lembra que a súa eSede (sede.pontevedra.gal) foi activada en marzo de 2016 e que, desde aquela, foi gañando en ampliacións, melloras e optimizacións para a cidadanía.
Neste momento, permite realizar trámites relativos a servizos tales como o Padrón municipal, Urbanismo, Tesourería e Recadación, entre outros. Nestes trámites inclúense, por exemplo, solicitudes electrónicas, consulta de expedientes, notificacións electrónicas, pagamento de recibos ou facturas electrónicas, tanto para persoas particulares como para entidades corporativas e empresas.
Dende marzo de 2016 ata o mes de xullo de 2019, o número total de trámites realizados electronicamente ascende a un total de 68.999, explicou o Concello, engadindo que coa declaración de accesibilidade impulsada agora e de todo o traballo despregado para ceibar o espazo electrónico de muros e atrancos, quérese “asegurar que os cidadáns se beneficien dun acceso máis amplo aos servizos ofrecidos pola vía electrónica”.
Ao abeiro de todo isto, deuse forma á Unidade Responsábel de accesibilidade, cuxas funcións principais son as de coordinar e velar pola capacidade integradora e universalizadora do sitio, ceibe de obstáculos e pronto para atender reclamacións, coordinar as avaliacións e revisións periódicas, e fomentar a concienciación e formación nesta materia.
Igualmente, habilitouse para calquera persoa usuaria da eSede un correo (accesibilidade.sede@pontevedra.eu) para informar da existencia de posíbeis incumprimentos dos requisitos de accesibilidade, formular queixas e propoñer suxestións ao respecto.

PUBLICIDADE