O Concello de Pontevedra impulsará na Rede o talento do alumnado do Campus

mércores, 28 de febreiro do 2018 Redacción

O Concello de Pontevedra vai afianzar as súas ligazóns coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo), emprazada no campus local. Estas ligazóns, segundo fixeron saber hoxe os responsábeis da dita escola e do programa Pontevedra ten un puntazo (Concello), fortaleceranse en boa medida na Rede. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e máis a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, tiveron ocasión de coñecer a fondo a páxina web que promove o traballo do alumnado da Facultade. Estamos a falar de A Canteira, o espazo dixital do centro que mostra os proxectos de alumnado e egresados e que contará, segundo se confirmou, coa colaboración do Concello para achegar o talento do campus ao tecido empresarial.
O obxectivo máis extenso do Concello, obxectivo no que se insire a xuntanza de hoxe, é iniciar unha nova liña de traballo ao abeiro edición de 2018 de Pontevedra ten un Puntazo, dirixida a establecer vencellos entre as empresas que conforman o programa do Goberno local (centrado na industria creativa, cultural e de innovación da cidade) co ámbito universitario. Na cita deste 28 de febreiro engadiuse que o vindeiro o vindeiro mes de marzo, a devandita páxina web sexa obxecto dunha presentación dentro das actividades do devandito programa local, así como outras accións ligadas á visualización de novos talentos formados a cidade.
Na cita de hoxe, na que tamén participaron o decano (Xosé Manuel Baamonde), o vicerreitor do Campus (Juan Manuel Corbacho) e o vicedecano (Oswaldo García), fíxose un percorrido polos platós de cinema e televisión da facultade, ao tempo que se lles mostraba aos representantes do Concello os contidos e o funcionamento do portal. Un portal que, coincidindo co inicio da súa campaña dixital, será promovido igualmente través das webs do Concello, o que permitirá, explicaron, “que o alumnado dispoña dun maior coñecemento das empresas no momento de decidir onde quere realizar as súas prácticas, ao tempo que se favorece que as empresas entren en contacto cos diferentes perfís profesionais que abrollan da facultade”.
Máis datos sobre a web
Impulsada co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Campus Crea S2i, o portal dá continuidade a un proxecto iniciado en 2015 polo anterior equipo decanal e naceu precisamente co propósito de “servir ao sector empresarial para atopar profesionais diferentes perfís”. A día de hoxe reúne máis dun cento de traballos de estudantes e egresados, tanto audiovisuais como fotográficos, publicitarios ou multimedia, completados cun perfil profesional dos seus autores e autoras. Trátase ademais, como sinalou García, dun proxecto desenvolvido por dous ex-alumnos, Iago Souto, que se encargou do seu deseño e de dotalo dos seus primeiros contidos no marco do seu traballo final no grao en Comunicación Audiovisual, e David Segarra, responsábel da parte técnica. Entre os proxectos presentes neste portal atópanse curtas como Fume, series dixitais como Interfecto ou vídeos musicais como as gravacións acústicas de músicos galegos que integran o proxecto Sesións Destelo, que recentemente presentaba a súa segunda tempada; e tamén mostras de gráfica publicitaria, fotografías ou proxectos de videoxogos.

PUBLICIDADE