O Concello de Pontevedra presenta unha web sobre os atractivos turísticos da cidade

mércores, 28 de marzo do 2007 Raquel Noya

A cidade de Pontevedra, na súa arela por subirse ó vagón das novas tecnoloxías e da comunicación en liña, vén de presentar unha nova páxina web encamiñada a presentar ó mundo os seus máis prezados atractivos turísticos. Promovida pola Concellería de Promoción Económica en convenio con Caixanova, TurismodePontevedra.es é unha web moderna, dinámica e interactiva, que mestura audio, vídeo e fotografías e onde os internautas interesados poden descargar de balde todo tipo de información relativa á cidade do Lérez.
Preséntase en catro idiomas (inglés, francés, español e galego), e amais de facilitar ós visitantes a información meteorolóxica, a axenda dos actos do día e as novas máis salientables en relación á cidade, subministra mapas e rueiros para que ningún turista teña perda cando decida achegarse.
Como non podía ser doutro xeito, a web de turismo de Pontevedra recolle asemade información de utilidade para o visitante; “cómo chegar”, “onde comer”, “cómo moverse” ou “qué facer” son algunhas das ligazóns que o internauta pode consultar antes de decidirse a emprender a viaxe. Praias, museos, igrexas, prazas... todo semella confluír nesta web que, segundo afirmou a concelleira socialista, Teresa Casal, “vaise actualizar tódolos días”.

PUBLICIDADE