O Concello de Redondela comezou ano estreando páxina web
mércores, 14 de febreiro do 2018
Entre os Concellos que encararon o novo estreando
novidades tecnolóxicas atópase
o de Redondela, que vén de presentar nova web, accesíbel xa a
través do dominio galego: www.redondela.gal.
A firma encargada dos traballos de renovación foi J&J
Publicidade e Comunicación de Vigo. En palabras do Goberno local,
estamos ante unha páxina web “máis intuitiva, máis operativa e
máis interactiva”, ou sexa, máis preto da cidadanía. Segundo
explican o concelleiro de novas tecnoloxías Julio Mougán, e máis o
alcalde Javier Bas, o novo portal “permite avanzar en transparencia
e participación cidadá, un índice que sitúa a Redondela como un
dos concellos máis transparentes de toda Galicia”.
O traballo de renovación da web implicou un
investimento de 6.000 euros. Entre os retos principais que se
asumiron figurou o de pór ao alcance da veciñanza todas as vantaxes
da Administración Electrónica. Ou sexa, buscouse que os cidadáns
dispuxeran dunha ferramenta que lles permitise levar a cabo a
meirande cantidade trámites e xestións de maneira dixital, evitando
desprazamentos, axilizando os procesos e facéndoos máis seguros.
Trámites como por exemplo descargar formularios para solicitar
subvencións municipais, solicitar o padrón ou reservar pistas
deportivas. Ou dos retos foi o de crear un portal que fose accesíbel
e manexábel en todo tipo de dispositivos tecnolóxicos, computador,
smartphones e tabletas.