O Concello de Redondela denuncia unha páxina web fraudulenta de turismo local

xoves, 28 de agosto do 2025 S. P.

O Concello de Redondela denunciou ante os organismo oficiais a existencia dunha páxina web supostamente fraudulenta e que, segundo informaron fontes do Consistorio, “contén moita información errónea sobre o municipio de Redondela”. Trátase do sitio www.turismoredondela.es.
O Concello recoñece que tivo coñecemento da existencia desta web o pasado mes de xullo e o departamento de Novas Tecnoloxías revisou o seu contido de xeito exhaustivo. “Comprobamos que nunha porcentaxe superior ao 80% os contidos da web son erróneos ou falsos”, sinalaron dende o Concello, engadindo que na páxina “faise referencia a lugares que non se atopan no municipio de Redondela, como o templo de San Benito, o Sendeiro das Greas ou a praia de Loureiro”.
Engaden que a web contén tamén fotografías “cuxas imaxes non se corresponden coa información á que fan referencia”. A páxina ofrece tamén información de establecementos de hostalaría que non existen neste municipio “e así a gran maioría dos recursos turísticos que ofrece a páxina, que non se axusta para nada á realidade”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
O Concello xa comunicou este feito aos organismos públicos para que retiren a páxina de internet, tanto ao CCN (Centro Criptográfico Nacional), como ao INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) , a AEPD (Axencia de Protección de Datos) e aos Servizo Ciberseguridade Acordo Marco ( Amtega – Xunta de Galicia)
Tamén se comunicou a Google esta situación dende o Concello de Redondela para dar conta desta situación, xa que esta páxina aparece como segunda opción neste buscador, por detrás da web oficial de turismo do Concello de Redondela. O departamento de Novas tecnoloxías tentou poñerse en contacto cos responsables da web a través do correo electrónico que se indica na páxina para solicitar a súa retirada, pero, segundo recoñece o Concello, non obtivo resposta.
Engade o Goberno local que esta páxina web utiliza un logo e unha imaxe moi semellante á da web oficial de Turismo do Concello de Redondela. “Esta situación está provocando un prexuízo ao Concello de Redondela e á súa veciñanza, e sobre todo aos turistas e peregrinos que veñen a visitar a nosa vila, xa que moita información que ofrece esta páxina é falsa, o que xera malestar entre os visitantes e unha mala imaxe do noso municipio cara ao turismo”, denuncia Rivas.
O informe do departamento de Novas Tecnoloxías advirte que é moi probable que esta web estea “con algún programa de IA, ou unha web que se fixo para monetizar as visitas mediante a publicidade que salta ao visitala, sen importar o contido”.