O Concello de Rianxo achega á mocidade local un Campamento Tecnolóxico de verán

martes, 28 de xuño do 2022 S. P.

O programa de actividades xuvenís de lecer do Concello de Rianxo, impulsado dende o Servizo de Xuventude, abrangue este ano unha proposta para fomentar e impulsar a canteira local de tecnólogas e tecnológos. Falamos do Campamento Tecnolóxico, que se celebra do 1 ao 11 de agosto na Aula de Informática do Concello. Trátase, segundo informou Xuventude de Rianxo, “de accións formativas de marcado carácter creativo orientadas a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos”. O número de participantes será de 16.
A finalidade destes obradoiros é “favorecer un uso práctico, creativo pero tamén crítico da tecnoloxía, á vez que igualitario, nos que haxa unha participación equitativa entre nenos e nenas, rachando con estereotipos de xénero”, explicaron fontes do Concello.
Algúns dos contidos a desenvolver serán os que citamos deseguido:
-Deseño de personaxes de videoxogos, xogando cos píxeles.
-Uso de programas en 2D para videoxogos.
-Gamers por un día.
-Creatividade (arte e música) con circuítos electrónicos.
-Programación e mundo hacker.
-Arduino e robótica.

PUBLICIDADE