O Concello de Rianxo implanta Jitsi, a ferramenta de vídeo-conferencia libre

mércores, 22 de abril do 2020 S. P.

O Concello de Rianxo quere facer avanzar o teletraballo e a teleformación e, o que é máis importante, facelo dun xeito integrador, inclusivo, accesíbel e eficiente (sacando o máximo proveito dos recursos que están ao seu alcance). Con estes obxectivos e co fin de sortear as barreiras que leva consigo o Decreto de Alarma e as súas restricións á actividade presencial, o Concello apostou plenamente por Jitsi, a ferramenta de vídeo-conferencia libre.
Segundo explica o Goberno local, trátase dun proxecto libre de código aberto que desenvolve unha plataforma de comunicación múltiple e que pode utilizar o público xeral, achegándose como “unha alternativa aberta e universal a solucións privativas como Skype, Hangouts, Duo ou Zoom”.
Amais, pódese empregar dende o navegador web dun computador (Linux, Windows ou macOS) “sen necesidade de instalar software adicional”, ou dende a app para móbiles Android e iPhone.
Por outra banda, achega comunicacións seguras, permite seguir sesións en directo por YouTube, deixa marxe para compartirmos o escritorio e pon en xogo mensaxería grupal en directo.
O Concello de Rianxo vén de despregar un servidor propio para a celebración das sesións dos órganos colexiados (comisións informativas, xuntas de Goberno, plenos, mesas de contratación, etc.) e, tamén, para o traballo dos equipos directivos e o profesorado dos centros escolares do municipio. O Goberno local tamén mostrou a súa dispoñibilidade para estender o servizo propio a outros colectivos municipais que o precisen.
Amais disto, o Concello lembra que toda a veciñanza pode facer uso da aplicación nos servidores públicos de Jitsi: na plataforma web propia da ferramenta, no Google Play para dispositivos con Android e na App Store para dispositivos iOS.
O galego
O Concello fai saber que se ben as traducións á lingua galega están incluídas no proxecto, as versións publicadas aínda non as inclúen, polo que, de termos o móbil ou o navegador en galego, a app e a web aparecerán en inglés (aínda que na web pódese mudar o idioma na configuración). O servidor do Concello de Rianxo si inclúe a lingua galega.

PUBLICIDADE