O Concello de Ribeira instalará fibra óptica no lugar de Cobas, en Castiñeiras

venres, 12 de decembro do 2025 S. P.

O concelleiro de Innovación e Novas Tecnoloxías de Ribeira, Álex Vidal, mantivo unha reunión con veciñanza do lugar de Cobas, na parroquia de Castiñeiras, para informar de que se instalará fibra óptica na zona en vindeiras datas; “unha medida que beneficiará a preto dunha vintena de vivendas”, dixo, engadindo que “estamos ante unha demanda veciñal que levaba pendente máis de dous anos sen ter resposta”.
Sinalou tamén que “somos conscientes de que, nun mundo cada vez máis dixitalizado, é necesario ter unha boa conexión a Internet para o día a día e, como administración pública, temos o deber de garantir estes servizos á cidadanía, xa que, incluso, moita tramitación se ten que facer por vía telemática. A dotación para Cobas xa foi aprobada en Xunta de Goberno e incorporarase na planificación de obra coa pretensión de que se acometa en pouco tempo", explicou o edil.
Adiantou ademais que a Concellería de Innovación e Novas Tecnoloxías ten marcada unha folla de ruta para que a fibra óptica chegue a máis espazos do municipio, tanto da cidade como das parroquias.