O Concello de Ribeira licita a posta en marcha dun novo portal

luns, 13 de xullo do 2020 S. P.

Ribeira deu un novo paso na súa estratexia de Smart City, desta volta centrando esforzos nunha das súas principais canles de comunicación: a páxina web municipal. O Concello anunciou este 13 de xullo a licitación para deseñar, desenvolver e pór en marcha un novo portal. O obxectivo, en termos xenéricos, é ofrecer moito máis que un acubillo onde obter información ou onde poder desenvolver trámites online. O que se busca, en palabras do Concello, é mellorar a proximidade e a relación coa cidadanía (“optimizando a experiencia de usuario na súa relación coa institución”) e modernizar o seu estilo e imaxe, “empregando así mesmo as técnicas máis punteiras de xestión para facela máis dinámica, viva e intuitiva”.
Esta iniciativa, cuxo prezo de licitación elévase a 18.000 euros, IVE incluído, enmárcase dentro da iniciativa EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. En concreto, adscríbese á liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira, á que pertence tamén a iniciativa para dotar o concello con pantallas intelixentes informativas e actualidades, un total de seis, habilitadas noutros tantos puntos do termo municipal.
Os servizos que se pretenden contratar agora son:
• Desenvolvemento e posta en marcha dunha plataforma de xestión de portais e contidos para o Concello de Ribeira.
• Reforma de deseño e arquitectura de información das páxinas web municipais: ribeira.gal e turismo.ribeira.gal.
• Migración dos contidos desas páxinas á nova plataforma. Nas bases especifícase que a empresa adxudicataria deberá cargar todos os datos existentes nas webs municipais, adecuando o contido á nova estrutura.
• Posta en marcha do portal e garantía de soporte durante un ano posterior á mesma.
• A plataforma instalarase na nube debendo a empresa adxudicataria encargarse do aloxamento cloud durante o ano de soporte (SaaS).
• Formación do persoal.
Obxectivo: un portal web accesíbel que se adapte a todos os formatos e dispositivos
O Concello de Ribeira quere que a web sexa cen por cen inclusiva e, tamén, que se poida empregar dende múltiples dispositivos. Así, estipúlase que “deberá cumprir cos estándares de accesibilidade web esixidos para os organismos públicos” (en particular, o cumprimento, como mínimo, do nivel AA. e adaptación ás pautas WCAG 2.1.), tamén, terá que ser unha responsive web design, de tal xeito que se adapte a calquera dispositivo móbil.
En canto á estrutura, incluirá como mínimo as seguintes funcións: incorporar un sistema de noticias na páxina principal, dispoñendo das funcionalidades necesarias para a elaboración periódica dun boletín electrónico e permitindo que os usuarios poidan subscribirse ao mesmo para a súa recepción a través de correo electrónico; habilitar información do concello, abranguendo unha sección para goberno aberto e transparencia e, deste xeito, dar cumprimento a toda a normativa aplicábel en materia de transparencia e acceso á información (Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno; Lei 37/2007, do 16 de novembro, sobre reutilización da información do sector público; e Lei 19/2014, do 29 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno); permitir o acceso á sede electrónica (tramitación); incorporar unha caixa de correos para o rexistro de incidencias; achegar unha axenda de eventos e actividades; habilitar un formulario de consulta e datos de contacto; posibilitar o acceso ao perfil do contratante; e permitir accesos ás páxinas web do concello e de terceiros.
Polo que se refire ao sistema de xestión de contidos, ten que estar baseado en arquitectura open source actualizada (código aberto e sen cancelas, co fin de poder ser adaptado a novas realidade e reutilizado) e deberá ser totalmente configurábel a base dunha arquitectura modular que se poida facer evolucionar e adaptar a novas contornas e demandas futuras e específicas.
As empresas interesadas dispoñen ata o 20 de xullo ás 14 horas para formular as súas propostas, trámite que se deberá realizar a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
O prazo de entrega e posta en marcha da solución escollida será de 4 meses dende a firma do contrato.

PUBLICIDADE