O Concello de Santiago aproba por unanimidade a declaración institucional de apoio á Iniciativa Xabarín
xoves, 30 de novembro do 2023
O
Concello
de Santiago aprobou este xoves 30 de novembro, por unanimidade dos
membros da Corporación municipal, a declaración institucional de
apoio á iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa pola
Normalización Lingüística. Como lembraremos, esta iniciativa
procura “unha ampla oferta audiovisual en galego para a infancia e
a mocidade coas canles Xabarín da TVG dispoñíbeis en todas as
operadoras, para todos os dispositivos e por todos os medios, con
contidos de éxito, educativos, culturais e de produción galega”.
Reclama
tamén “a existencia de opción dobrada ao galego, en igualdade co
estabelecido legalmente para o castelán, nos catálogos das
operadoras e plataformas de televisión”.
A
declaración, aprobada polo pleno e asinada polos portavoces de PP,
BNG, PSdG-PSOE e CA, insta a todas as administracións públicas,
entes e entidades “a que cumpran os acordos da Iniciativa Xabarín
aprobados polo Parlamento de Galiza en 2021”.
Aliás,
insta a operadoras e distribuidoras de contidos audiovisuais a que se
sumen á difusión de contidos en galego para a infancia e a
mocidade.
Pola
súa banda o Concello de Santiago comprométese a ser referente na
defensa do galego na infancias a través das entidades municipais.
En
intervención perante o pleno compostelán, o presidente da Mesa,
Marcos Maceira, mostrou o agradecemento da Mesa pola Normalización
Lingüística a todos os grupos municipais “non só polo apoio á
Iniciativa Xabarín, senón polo que implica para garantir a presenza
e normalización do uso do galego en todos os ámbitos da vida
social, nomeadamente para as crianzas”.
Maceira
lembrou todo o traballo desenvolvido pola Mesa ao redor da Iniciativa
Xabarín, desde a aprobación unánime polo Parlamento autonómico, á
introdución na Lei Xeral de Audiovisual de cotas de emisión en
galego para todas as operadoras, garantía de versión en galego para
todos os contidos destinados a menores de 12 anos ou a aprobación
dunha emenda no Parlamento Europeo, promovida pola Mesa, que inclúe
as linguas cooficiais propias nos requisitos lingüísticos da
Directiva europea.
Porén,
sinalou Maceira, “despois de dous anos e medio, todo este traballo
realizado aínda non se materializou en accións concretas: a lingua
galega é a única do Estado que non conta cunha canle temática
infantil nas operadoras de televisión e só está presente en 0,83%
da oferta dispoñíbel; a oferta infantil da TVG pasou de 73 horas
semanais en 2017 a 20 horas en 2023; as plataformas audiovisuais
estatais só ofertan en galego 0,28% dos seus contidos infantís e
xuvenís e as internacionais 1,1%”. Ademais, engadiu, “plataformas
públicas como RTVE Play só contan con 2 títulos en galego, cero
infantís, mentres a canle infantil pública Clan TVE non dispón de
nada en galego”.