O Concello de Santiago dota os centros socioculturais do rural de 46 computadores

mércores, 15 de maio do 2024 S. P.

A concelleira de Rural de Santiago, Pilar Lueiro, informou dunha nova dotación de equipos tecnolóxicos de uso público para as aulas informáticas dos centros socioculturais da zona rural. En total, o Concello reforzará este servizo dirixido ás persoas usuarias dos centros con 46 computadores de sobremesa e monitores ao abeiro dun investimento do POS+ da Deputación da Coruña.
Pilar Lueiro explicou que con este reforzo de equipamentos nas parroquias do rural búscase "reducir a fenda dixital e facilitar a aprendizaxe e utilización de Internet, para o uso do correo electrónico, redes sociais, programas didácticos e ferramentas diversas vinculadas ás Tecnoloxías de Información e da Comunicación, as TIC".
A concelleira detallou que os novos equipamentos estarán distribuídos da seguinte maneira: 5 para o CSC da Enfesta, 5 para o CSC de Figueiras, 8 para o CSC de Laraño, 8 para o CSC da Lavacolla, 4 para o CSC de Marantes, 8 para o CSC de Marrozos e 8 para o CSC de Villestro. Ademais, anunciou que o Concello complementará as sesións de formación organizadas polos propios centros, coa presenza de técnicos de informática que prestará apoio ás persoas usuarias se fose necesario.
Segundo afirmou, grazas a este reforzo as parroquias poderán "contar con recursos que facilitan unha mellor infraestrutura para conectarse á rede de internet, cun acceso máis amplo a dispositivos tecnolóxicos", o que permitirá mellorar as "oportunidades económicas, educativas e sociais, para reducir as desigualdades entre a zona urbana e o rural".

PUBLICIDADE