O Concello de Verín impulsa un plan de dixitalización e unha oferta de emprego de 32 prazas

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

O Concello de Verín vai desenvolver un programa de modernización e dixitalización para ofrecer o mellor servizo posíbel á veciñanza e gañar en eficiencia, sustentabilidade, axilidade e óptima xestión. Segundo explica o Goberno local, o plan ten unha orixe clara: poñer en marcha accións urxentes para contrarrestar as actuais necesidades en materia de equipo humano, que se viu reducido drasticamente dende 2015 por baixas definitivas ou ceses de xubilación. O obxectivo é lanzar unha oferta de emprego público de 32 prazas.
“Estas carencias provocan provoca que o Concello manteña un alarmante déficit de técnicos e traballadores especializados que lle impiden abordar novos proxectos, por exemplo de informáticas/os ou enxeñeiras/os que teñan os recursos para abordar os retos da administración local”, explican fontes do Goberno de Verín.
Ante esta circunstancia, o Concello prepara “un ambicioso plan de modernización”, que pasa “pola dixitalización de todos os servizos municipais, a introdución das novas tecnoloxías en todas ás áreas da administración local e a informatización do conxunto das actividades de xestión”.
Así mesmo, impulsará unha oferta de emprego público de prazas que cubra as vacantes xeradas polas xubilacións nos últimos anos, especialmente destinadas aos postos técnicos necesarios e de especialistas como policías locais, “para garantir uns servizos de calidade aos veciños de Verín”. E engade o Concello a respecto deste plan: “O necesario ritmo de xestión que reclaman os cidadáns non pode manterse sen técnicos de administración xeral ou especialistas nas distintas áreas, é irresponsábel que un concello cun orzamento de 10 millóns de euros só conte con tres funcionarios superiores”.

PUBLICIDADE