O Concello de Vigo activa a web para solicitar o cartón electrónico cidadán

xoves, 14 de decembro do 2017 Redacción

O Concello de Vigo está a impulsar as máis avanzadas tecnoloxías para acurtar a distancia entre os servizos públicos municipais e a cidadanía. Nesta liña, puxo en marcha a tarxeta PassVigo, un cartón moedeiro que permite o acceso a todos os servizos que ofrece a Administración local, mesmo o transporte público da cidade e contorna. Pois ben, segundo informe o Concello esta semana, a web que permite solicitar a tarxeta xa está operativa. O Goberno de Abel Caballero quere chegar ás 100.000 cartóns enviados antes do 19 de xaneiro. A páxina está dispoñíbel en passvigo.vigo.org.
Estes e outros datos foron achegados polo propio rexedor, os días pasados, coincidindo coa aprobación das instrucións para a solicitude, expedición e uso da tarxeta. Segundo o alcalde, “trátase dun medio de pago que, usando as máis modernas tecnoloxías, permitirá acceso a todos os servizos vinculados coa administración local”. Tamén engadiu que nun primeiro termo, o cartón vai funcionar co transporte urbano pero, progresivamente, estenderase ao resto dos servizos municipais e incluso a outros como poderían ser os taxis, interesados en formar parte desta iniciativa. Caballero salientou igualmente o factor comodidade de PassVigo, “xa que unificará nun mesmo sistema de tarxeta moedeiro varios documentos como o carné da biblioteca, o carné das instalacións deportivas, entre outros”.
A expedición da primeira alta da tarxeta, así como a renovación ou cambio de perfil asociado, serán gratuítos, segundo explicou o rexedor. A solicitude poderá realizarse fisicamente ou telematicamente e o prazo de entrega será dun máximo de dez días.

PUBLICIDADE