O Concello de Vigo autoriza a construción dunha fábrica de microchips fotónicos

luns, 30 de decembro do 2024 S. P.

Parque Tecnolóxico de Vigo

O Concello de Vigo outorgou a licenza para a construción da nave para o proxecto de fábrica de investigación e desenvolvemento de microchips fotónicos do Parque Tecnolóxico de Vigo (Valadares), que conta cun orzamento de execución de 3,6 millóns de euros e unha superficie construída de 4.000 metros cadrados.
O rexedor Abel Caballero sinalou que esta fábrica aglutinará “unha grande actividade técnica e de emprego na cidade”, ao tempo que explicou que o Goberno de España, a través do PERTE, dedica 5 millóns de euros á cátedra CHIP da Universidade de Vigo para a contratación de investigadores para o desenvolvemento de microchips de fotóns e para a formación do persoal de enxeñería que traballará esta fábrica. Tal e como explicou, Vigo será a terceira cidade europea con fábrica de microchips, logo das autorizadas pola Unión Europea en Francia e Alemaña.
“Seguimos dando pasos moi relevantes para a fábrica de semicondutores que será un dos grandes proxectos de futuro da cidade de Vigo”, avanzou Abel Caballero este luns ao dar conta da sinatura da autorización.
Os chips fotónicos son a vindeira revolución en tecnoloxías para o procesamento e o subministro dos datos, con velocidades máis rápidas e unha eficiencia superior aos chips electrónicos convencionais. No canto de tirar proveito dos electróns empregan partículas de luz (fotóns) para achegar información.