O Concello de Vigo e Telefónica formarán persoas desempregadas en programación Java

martes, 14 de novembro do 2017 Redacción

O Concello de Vigo vén de anunciar que vai formar, en estreita colaboración coa operadora de telecomunicacións Telefónica, a dúas ducias de persoas sen emprego en programación Java. A actividade formativa foi presentada polo alcalde, Abel Caballero, quen lembrou a importancia desta temática (a creación de ferramentas informáticas baseada na dita linguaxe de programación, a máis estendida e popular de cantas linguaxes se empregan hoxe en día) e as posibilidades que se abren co obradoiro Emprego dixital, que xorde tralo convenio asinado polo Goberno local coa Fundación Telefónica.
Segundo fixo saber, trátase dun itinerario de traballo dirixido á formación na linguaxe de programación Java de 25 persoas desempregadas, viguesas/es de entre 18 e 35 anos, que contarán coa participación de expertos e referentes no sector. Recibirán clases teórico-prácticas validadas polas empresas colaboradoras.
A formación en Java, unha das linguaxes de programación con máis demanda no sector tecnolóxico, comeza o 24 de novembro e prolongarase durante cinco meses con clases impartidas nas instalacións do Auditorio Mar de Vigo en horario de mañá. A inscrición realízase na web da Fundación Telefónica.

PUBLICIDADE