O Concello de Vigo e a Zona Franca propoñen construír un hub audiovisual no antigo edificio de Fribesa

luns, 23 de marzo do 2026 S. P.

O Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca apostan pola recuperación do antigo edificio de Fribesa para construír o hub audiovisual proxectado pola segunda das entidades que xa solicitou formalmente por escrito á Autoridade Portuaria de Vigo a adquisición do edificio de Frigoríficos do Berbés. O obxectivo é “recuperar patrimonio industrial, contribuír á posta en valor da fachada marítima e poñer en funcionamento un centro de produción para o sector audiovisual”.
O alcalde Abel Caballero afirmou ante o antigo edificio de Fribesa que Vigo ten que ter “por forza” un gran centro audiovisual e que “este é o momento” para avanzar na transformación da contorna portuaria, como xa ocorreu coa parcela onde se construíu o Auditorio Mar de Vigo. “Unha vez máis Zona Franca acode a apoiar á cidade”, recalcou o alcalde e presidente do Consorcio ao asegurar que a oferta ao Porto “é moi boa”.
O alcalde incidiu en que o edificio de Beiramar 73, que se atopa agora mesmo en ruínas, “é o lugar adecuado” para acoller ao sector audiovisual e recuperar a rexeneración da fronte litoral no momento en que o PXOM reordena os espazos da cidade. Caballero apelou á necesidade de ser “ambiciosos” na transformación de Beiramar e dotarlle cun espazo referente en audiovisual e en actividade cultural.
Para o delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, "é unha oportunidade excelente para todos; non só para as administracións e o sector audiovisual, que sería o destinatario do proxecto, senón para toda a cidadanía e a contorna de Beiramar". Regades citou varios exemplos de recuperación do patrimonio industrial e posto ao servizo da cidadanía como Matadero Madrid, Tate Modern ou o High Line.
O comité executivo da Zona Franca de Vigo abordará esta semana a oferta pública de adquisición de inmóbeis para o Hub Audiovisual, un proxecto no que o Consorcio leva traballando máis de tres anos en contacto directo co sector.
No ano 2024, a través dunha consultoría especializada para analizar as necesidades e requirimentos do sector audiovisual, concluíuse que o espazo escollido debía contar con accesos estratéxicos e amplas áreas de carga e descarga. A análise propón escenarios de entre 300 e 1.500 metros cadrados e infraestruturas que dean cabida á transformación tecnolóxica do sector e ao desenvolvemento, non só de produtos de ficción, senón á ampla variedade de formatos audiovisuais, con especial atención tamén ás necesidades específicas de promoción do sector industrial e empresarial da área de Vigo.
O documento presentaba “un diagnóstico detallado e estratéxico do contexto actual, as oportunidades e os desafíos da industria audiovisual, destacando o crecemento do sector en España, impulsado pola produción para plataformas dixitais e tamén polos subsectores da animación e os videoxogos”.
O informe identificaba os principais subsectores en Galicia (cinema, TV, videoxogos, animación, RA, son), salientando a especialización de Vigo en producións marítimas, contido educativo, eventos, turismo e servizos técnicos.