O Concello de Vigo, galardoado co Premio Ciudadanos pola aplicación Vigo

mércores, 16 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo vén de ser distinguido co Premio Ciudadanos pola súa estratexia Vigo cidade intelixente e, en particular, pola súa aplicación móbil Vigo, en palabras do Goberno local “unha das plataformas cidadás máis completas con información de máis de 5.000 elementos da contorna urbano e con acceso a datos en tempo real”. En dez meses, a aplicación xa foi descargada en máis de 24.000 dispositivos, lembra o Concello.
En termos máis concretos, o Premios Ciudadanos (asociación sen ánimo de lucro que conta co apoio institucional da Secretaría de Estado para o Avance Dixital) recoñeceu a aplicación como “unha das máis completas de España” e salientou a súa capacidade para xuntar información útil sobre toda a contorna da cidade, achegar datos actualizados a diario e fornecer, tamén, de información á cidadanía en tempo real en cuestións como tráfico, cámaras ou chegada dos autobuses urbanos.
Ademais, segundo fixo saber o Concello recentemente, a aplicación está a ser obxecto de melloras para dar conta do estado de ocupación dos aparcamentos da cidade, permitindo consultar en tempo real as prazas libres en cinco estacionamentos. Nesta funcionalidade estanse a incluír media decena de instalacións (Policarpo Sanz, Areal, Urzáiz, Independencia e Pintor Colmeiro), pero está previsto sumar, de maneira paulatina, os restantes parkings.
A ferramenta, que se atopa na súa versión 1.1.3, é a día de hoxe unha das mellores valoradas polos usuarios en materia de aplicacións cidadás, cunha nota xeral de 4,7 sobre 5.
Amais, Vigo foi seleccionada por Google como número 1 en aplicacións populares no seu primeiro fin de semana de lanzamento debido ás súas máis de 1.000 descargas en 2 días.

PUBLICIDADE