O Concello de Vigo ofrece durante todo o ano actividades de apoderamento tecnolóxico para os maiores

mércores, 10 de setembro do 2025 S. P.

Abel Caballero presentou este martes 9 os detalles da nova edición do programa Vigo, cidade amiga dos maiores, que suma novos obradoiros de inverno e cursos en novas tecnoloxías da información, todos co nexo común de fomentar a vida activa, saudable e creativa da poboación sénior.
Segundo explicou o rexedor, nos obradoiros anuais haberá pilates, baile, canto, memoria, ximnasia, teatro e “moitas máis opcións para participar”. Como dixemos, organizaranse tamén, unha vez máis, os cursos de novas tecnoloxías para maiores de 65 anos, onde aprenderán de xeito práctico xestións administrativas, manexo no ámbito das redes sociais, comunicación coas familias, banca electrónica, etc.
O programa Vigo, cidade amiga das maiores ten o obxectivo de achegar recursos para envellecer activamente e fomentar a autonomía e o benestar. A axenda, da man da Concellería de Política de Benestar Social e ao longo de todo o ano, inclúe varios cursos para formar a persoas maiores de 65 anos, no uso das novas tecnoloxías, co obxectivo de que poidan realizar xestións administrativas e cotiás básicas, de forma autónoma, así como comunicarse e relacionarse coas súas familias, amizades e outras persoas con intereses afíns.
Nestes cursos empregaranse teléfonos móbiles ou smartphones, e terase unha primeira toma de contacto cun computador. “Será unha aprendizaxe 100% práctica e adaptada a cada unha das persoas que asistan”, informou a Concellería, engadindo que “como ben é sabido, moitas das facetas da vida cotiá, están vinculadas coas novas tecnoloxías; aspectos como poder sacar unha cita médica, ver o teu historial clínico, xestións básicas co Concello ou con calquera administración pública, poder facer a compra do supermercado sen moverte da casa, poder consultar e ver as contas e movementos bancarios, comunicarnos cos seres queridos con independencia do lugar no que se atopen, e poder velos mediante videochamada, etc. están ao noso alcance só con premer un botón. Para iso, necesitamos saber como facelo de forma segura e sen corren riscos”.
As actividades impartiranse nos seguintes emprazamentos: Centro Cívico de Teis, Centro Cívico de Coruxo, Centro Cívico de Bouzas, Centro Cívico Casco Vello / Centro de Formación de Rúa Alta.