O Concello de Vigo salienta a avalancha de solicitudes do novo cartón cidadán

venres, 16 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou esta semana dunha ampliación do prazo de funcionamento da vella tarxeta cidadá debido “á avalancha de peticións dos últimos días”, peticións referidas ao novo cartón, Pass Vigo. Segundo fixo saber, esta demanda resultou ser “un éxito extraordinario, e todo o mundo na cidade quere ter a nova tarxeta”.
Como lembraremos, o cartón que substitúe a Tarxeta Verde é un cartón moedeiro que permite o acceso a todos os servizos que ofrece a Administración local. En detalle, é un instrumento de pago que, usando as máis modernas tecnoloxías de identificación e pagos en liña, permite cousas como pagar o transporte urbano da cidade e da contorna (nun primeiro intre) para, progresivamente, irse estendendo ao resto dos servizos municipais, como o servizo de taxis, as bibliotecas ou o uso de instalacións deportivas.
Caballero sinalou que o prazo para dar de baixa a Tarxeta Verde do transporte metropolitano e cambiar á nova tarxeta PassVigo estará aberto até o vindeiro 15 de abril. Tamén fixo saber que a día 12 de marzo o Concello xa enviou un total de 103.666 tarxetas PassVigo, das que bonificadas son 67.852, para estudantes ascenden a 7.650, para pensionistas I e II (totalmente de balde) 22.458 e para universitarios 4.953. Ademais, enviáronse 753 tarxetas sociais. Ademais, do total das enviadas, 38.389 están xa en uso, o que representa un 37 por cento.

PUBLICIDADE