O Concello de Vigo xa enviou 73.431 tarxetas Passvigo

mércores, 7 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Semella que a tarxeta PassVigo, o cartón moedeiro que permite o acceso a todos os servizos que ofrece a Administración local (mesmo o transporte público da cidade e contorna), estase a estender a bo ritmo entre a cidadanía da cidade galega. Segundo vén de informar o Concello, impulsor desta tarxeta que acurta a distancia entre os servizos públicos municipios e a veciñanza, 73.431 usuarios de transporte público xa contan co devandito cartón, dos que case 20.000 son pensionistas e, polo tanto, “teñen o autobús de balde”. Segundo explicou o rexedor Abel Caballero, xa se entregaron tamén preto de 47.000 tarxetas bonificadas (as antigas tarxetas verdes ordinarias).
Igualmente, fixéronse chegar 3.500 de estudantes, 3.000 universitarias e 551 de bono social. Segundo engadiu o alcalde, as tarxetas actívanse ao recargalas, excepto as de pensionistas que, “ao ser de balde, é preciso empregar cunhas claves persoais e intransferíbeis”. Este e outros trámites pódese facer, dende a páxina web específica do servizo passvigo.vigo.org.
Segundo informou recentemente Caballero, na presentación da tarxeta, “trátase dun medio de pago que, usando as máis modernas tecnoloxías, permitirá acceso a todos os servizos vinculados coa administración local”. Tamén engadiu que nun primeiro termo, o cartón vai funcionar co transporte urbano pero, progresivamente, estenderase ao resto dos servizos municipais e incluso a outros como poderían ser os taxis, interesados en formar parte desta iniciativa. Caballero salientou igualmente o factor comodidade de PassVigo, “xa que unificará nun mesmo sistema de tarxeta moedeiro varios documentos como o carné da biblioteca, o carné das instalacións deportivas, entre outros”.

PUBLICIDADE