O Concello de Vilagarcía bótase aos centros educativos para traballar no bo uso das TIC

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vilagarcía, a través da súa Área de Servizos Sociais, está a desenvolver un programa para a previr o acoso a través das redes e garantir o bo uso das novas tecnoloxías da información entre a mocidade de Secundaria e as súas familias. Segundo informa o Goberno local, a iniciativa ten a súa orixe na “necesidade de abordar a problemática da falta de información” arredor do uso axeitado das TIC, un problema que mostra especial incidencia (e gravidade) entre as novas xeracións. O proxecto elaborado polo departamento que dirixe Tania García financiouse a través da liña 2 do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, cun orzamento de 3.974 euros.
Nel traballa dende principios de novembro un equipo de educadores sociais especializados na problemática do ciberacoso. O programa inclúe unha serie de actividades de divulgación e formación que están a poñer o foco no alumnado dos catro centros de Secundaria do municipio e as súas familias. A iniciativa estrutúrase en dúas liñas de traballo diferenciadas: coas familias, por unha banda, e cos adolescentes, pola outra. A primeira consiste en sesións informativas e de traballo cos proxenitores programadas a través das asociacións de nais e pais, e que se desenvolven en cada instituto. Tratáronse temas como a prevención da violencia na Rede e o bo uso da mesma, amais de informarse ás familias das pautas a seguir, “tanto para detectar situacións problemáticas, como para establecer estratexias educativas que permitan a aprendizaxe dun emprego axeitado das redes sociais, e as diferentes plataformas dixitais empregadas polos seus fillos e fillas”.
A segunda liña de traballo, que está a piques de rematar, céntrase no traballo cos propios alumnos e alumnas, que terán que abordar as ditas problemáticas reflexionando segundo o aprendido e as súas propias experiencias. “Isto”, explica o Concello, “serviralles para crear exemplos que se representarán en formato de teatro-foro”. Trátase de construír unha peza teatral para abordar o espallamento do ciberacoso, “construíndo alternativas para dar apoio á vítima e aportar solucións dende o propio entorno”.

PUBLICIDADE