O Concello de Vilagarcía renova os sistemas do seu Centro de Procesamento de Datos

mércores, 17 de xullo do 2024 S. P.

O Concello de Vilagarcía vén de executar un importante proxecto de actualización das súas infraestruturas dixitais: a renovación do Centro de Proceso de Datos municipal, proceso que permitiu modernizar e mellorar o funcionamento de todos os sistemas informáticos que o integran e, con isto, optimizar o funcionamento, as xestións e o traballo da administración local.
Promovido dende o servizo municipal de Informática, o proxecto de Renovación do CPD do Concello de Vilagarcía de Arousa executouse no marco da liña de Transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais, e requiriu un investimento de 241.982,93 euros (impostos incluídos).
O contrato, que incluía o subministro e a instalación dos equipamentos informáticos, adxudicouse á firma Ozona Tecnologías de la Información S.L. por importe de 226.276,00 euros.
A actuación consistiu na substitución dos cinco sistemas principais que compoñen o CPD do Concello co obxectivo de combater a obsolescencia tecnolóxica actuando tanto a nivel físico (hardware) como lóxico (software). Conforme a isto, procedeuse á renovación dos sistemas de seguridade perimetral e de almacenamento. Tamén se actualizaron e melloraron os sistemas de procesamento e de copias de seguridade. E, por último, renováronse as licencias de software.
Fontes do Concello engadiron que “con todas estas medidas conseguiuse, entre outras melloras, fortalecer a seguridade dixital, aumentar a capacidade de almacenamento e a velocidade de procesamento da información que manexa o Concello; estes aspectos optimizan o funcionamento dos servizos que presta a administración, polo que, ademais de facilitar e axilizar o traballo a nivel interno, tamén inciden no servizo que se presta á cidadanía”.