O Concello “ferrolanizou” esta fin de semana a sete blogueiros referenciais
luns, 13 de xuño do 2016
Esta fin de semana o
concello de Ferrol amosou ao detalle os seus reclamos turísticos
perante un referencial elenco de blogueiros. Foi
no marco do Blog Trip de promoción turística organizado polo
Executivo local e do que falamos os días pasados dende Código Cero.
En total, participaron
na experiencia sete autores da Rede: Carlos Olmo (Vagamundos),
Víctor Gómez (Machbell),
Sabela Montero (Viajando
blog imágenes y sensaciones), Víctor Fernando (Foto
escapada), Verónica Martínez (Vero4travel),
Laura Fernández (Meridiano
180) e Pepe Romera, experto en vídeo mercadotecnia e
responsábel de peperomera.com.
O alcalde Jorge Suárez
recibiunos o pasado xoves. A súa estadía de “ferrolanización”
das/os bitacoreiras/os prolongouse até este domingo. Amosóuselles o
potencial do concello galego e da súa contorna para a práctica de
deportes como o surf, o mergullo, o sendeirismo ou o parapente, e os
encantos naturais, arquitectónicos e históricos da cidade.
Maís en detalle,
coñeceron as praias de Santa Comba, Ponzos, Doniños ou Cobas, e
tomaron contacto coa arquitectura do barrio da Magdalena e o roteiro
das Meninas de Canido.
O Blog Trip inseriuse na
nova estratexia turística desenvolvida pola Concellería que dirixe
Bruno Díaz, iniciada co programa Ferrolanízate posto en
marcha en Semana Santa, que salientaba o atractivo de Ferrol non só
dende o ámbito histórico e patrimonial senón tamén como espazo
privilexiado para o deporte e o lecer activo.
Na escolma dos ditos
blogueiros buscouse que os seus cadernos tiveran sobre todo unha
orientación cara a un turismo de natureza, sustentábel e cultural.
Tamén se tivo en conta “a gran calidade das fotografías
realizadas por algúns dos participantes, como Víctor Gómez e
Víctor Ferrando, fotógrafos profesionais ademais de blogueiros de
viaxes”, informou o Concello.
Os autores, un por un
Carlos Olmo Bosco
é autor de varios blogs, destacando vagamundos.net o seu proxecto
principal, para “viaxeiros sen présa”. Como el mesmo explica na
súa web, percorreu máis de 100 países. É colaborador habitual en
radio, cunha sección de viaxes de Onda Cero Galicia e Non é un
día calquera, de RNE. Foi pioneiro na elaboración de guías de
turismo de autor para iPad, iPhone e Android, con guía para
Patrimonio da Humanidade UNESCO de España e faros de Norte de
España.
Víctor Gómez,
coñecido como @machbel, define no Twitter deste xeito a súa propia
filosofía vital: “Gozo da vida mentres busco lugares e historias
auténticas. Intento ser un viaxeiro sustentable, #ecolóxico. Son
fotógrafo de viaxes e blogger membro da asociación Galicia Travel
Bloggers”. Dende a súa creación en 2005, machbel.com non parou de
medrar, tendo na actualidade máis de medio millón de lectores
anuais e unha manchea de recoñecementos. En Twitter ten 7.871
seguidores, 7.539 en Instagram e 5.887 seareiros en Facebook.
Sabela Montero
tamén é membro da asociación Galicia Travel Bloggers co blog de
seu, un caderno de viaxes dirixido sobre todo a viaxeiros
independentes e aventureiros que buscan coñecer novos lugares, novos
destinos e novas experiencias. Sabela Montero é deseñadora gráfica
de profesión e viaxeira de vocación, e percorreu máis de 50
países. En Twitter conta con 7.111 seareiros; 2.729 en Instagram e
5.923 no seu Facebook.
Polo que respecta a
Verónica Martínez,
xestiona e impulsa o caderno Vero4travel.com, unha das bitácoras en
liña máis lidas e seguidas do mundo hispano. En 2015 tivo máis de
500.000 visitas (medio millón) e 800.000 páxinas vistas. Segundo o
Concello de Ferrol, trátase dun caderno “moi activo en redes
sociais onde non importa só o número senón a interacción”.
Conta con máis de 15.810 fans ou seareiros en Facebook, 24.300 en
Twitter e 12.600 seguidores en Instagram. En YouTube, Verónica ten
2.608 subscritores.
Laura Fernández,
coñecida como @raponchii é xornalista, blogueira e viaxeira.
O seu blog é un caderno de viaxes persoal onde integra todas as súas
paixóns: viaxar, escribir, comer, ler e debuxar. É membro da
Asociación Barcelona Travel Blogger. Séguena en Twitter 4.565
persoas; no seu páxina de Facebook 1.462 e 986 en Instagram.
Fotoescapada, pola
súa banda, é un blog de viaxes e fotografía de Víctor Ferrando
que narra experiencias, gastronomía, natureza, cidades, cultura e
xente. Ten unha sección específica sobre turismo rural e outra
sobre gastronomía. Víctor Ferrando participou en diversos en
blogtrips de viaxes de natureza. O seu caderno conta con 3.437
amigos en Facebook, 1.206 seareiros en Instagram e 4.346 seguidores
en Twitter.
Pepe Romera,
@romerapepe, é un experto consultor e relator en videomarketing
de gran prestixio en España. Para a xuntanza de Ferrol encargarase
de realizar pezas audiovisuais breves sobre as experiencias vividas
no blogtrip para difundir nas redes sociais. Ademais vai
realizar algúns vídeos 360º. En Instagram conta con 1.466
seareiros, 2.679 en Twitter e ten unha canle de seu en YouTube.