O Concerto das Letras Galegas, dispoñíbel nas canles do CCG e nas plataformas da CRTVG

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

A celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas arrincou coa décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical e sonora do Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano contou co apoio do Concello da Coruña. Foi un concerto que conciliou a faceta musical e literaria de Luísa Villalta e no que se estreou a ópera de cámara Concerto para un home só a partir da obra teatral homónima da homenaxeada e composta por Federico Mosquera.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas encheron o Teatro Colón. O concerto poderá verse este venres na segunda canle da TVG (23:13 horas), no marco da programación especial para o Día das Letras.
O concerto foi retransmitido en directo pola web do CCG e a súa canle de YouTube, así como polas plataformas da CRTVG (agalega.gal e agalegaaudio.gal).