O Concerto das Letras Galegas do CCG retransmitirase a través da Rede e na TVG2
xoves, 25 de abril do 2024
A vertente musical da poeta Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, centrará este ano o Concerto das Letras Galegas que prepara o Consello da Cultura Galega. Segundo lembra o CCG, Villalta “foi, ademais dunha grande escritora, unha recoñecida violinista”. Por iso, no programa desta edición do Concerto das Letras Galegas teñen unha presenza moi destacada os violíns e os compositores favoritos da homenaxeada este 17 de maio.
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro Pardo; a irmá de Luísa, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi, presentaron este 25 de abril o programa da décimo cuarta edición que busca, en palabras da presidenta, “unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e actividade cultural de Luísa”. O concerto celebrarase na Coruña, cidade natal da homenaxeada (Teatro Colón, 20:30 horas), o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas. A entrada é libre ata completar a capacidade.
O concerto, que se emitirá en directo na web do CCG e no prime time da TVG2 o día 17 de maio, xira arredor da faceta musical de Luísa Villalta. A peza principal é unha ópera de cámara titulada Concerto para un home só, baseada na obra homónima da escritora homenaxeada que conta coa participación de Xosé Barato. É a encarga que o CCG realiza a un compositor galego sobre unha obra da figura elixida para conmemorar o Día das Letras Galegas. No caso de Villalta, a encarga recaeu no coruñés Federico Mosquera (A Coruña, 1986), que non estivo na presentación xa que se encontra en Rotterdam como artistic research coach na Codarts University for the Arts.