O Congreso AECA avalía en Santiago os grandes retos corporativos dixitais

martes, 26 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Mañá ás 10.15 horas inaugurarase no Auditorio ABANCA en Santiago de Compostela o XIX Congreso Internacional da Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA). Baixo o lema Información corporativa, claves para un crecemento sostido nun entorno dixital, o evento xuntará até este venres a máis de 300 profesionais de até dez países de Iberoamérica. Na inauguración interveñen Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, María Rozas, primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago, Miguel Ángel Escotet, director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e reitor presidente de IESIDE, Leandro Cañibano, presidente de AECA, e Manuel Rodríguez, director da Cátedra AECA-ABANCA e presidente do comité organizador. A conferencia inaugural virá da man de Alfredo González-Panizo, subsecretario de Economía, Industria e Competitividade. Para quen queira máis información sobre o programa e obxectivos do evento, sinalar que a AECA ten todos os detalles sobre o mesmo na súa web.
O Congreso, organizado de maneira conxunta por ABANCA e o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), constitúe un ambicioso encontro internacional “nunha cidade internacional”. Contará coa presenza de 20 entidades colaboradoras (comezando pola propia Casa Real e incluíndo a Xunta e o Concello de Santiago), 300 congresistas de dez países e medio cento de relatores. Do que se trata, sinalouse na rolda de prensa de presentación celebrada os días pasados, é de afondar nos desafíos da era dixital para o sector empresarial e financeiro, asentando os alicerces de vindeiros proxectos conxuntos. Dito doutro xeito: o congreso vén con feitura global para afondar unha cuestión global: a información corporativa como clave para un medre sostido.
Segundo sinalou ABANCA os días pasados, debullando as liñas de actividade do congreso, a devandita importancia dos datos estase a traducir nunha relevancia cada vez maior da transparencia, tanto a nivel de entidades públicas como, por suposto, a nivel de empresas. Neste senso, e tendo en conta até que punto é consciente a comunidade internauta (cidadáns en canto ás institucións, clientes en canto a entidades financeiras e empresas) da importancia da transparencia, o evento compostelán centrará boa parte dos seus esforzos en mostrar recursos para garantir esta demanda: que o que se diga sexa real e veraz.
Amais destas cuestións, trataranse temas clave como as novidades na normativa española e internacional sobre contabilidade e auditoría, todo da man de cualificados relatores procedentes de diversos ámbitos e países.
Detalles do programa
Como dixemos, a conferencia inaugural correrá a cargo do subsecretario de Economía, Industria e Competitividade, Alfredo González-Panizo, que dará paso á xornada profesional dedicada ás Novidades na normativa española e internacional sobre contabilidade e auditoría, onde o regulador, as corporacións profesionais, firmas e académicos de primeiro nivel tratarán as principais novidades contables aprobadas polo RD 602/2016, de 2 de decembro, polo que se modifican o PGC, o PGC de Pemes, as NOFCAC e as normas de adaptación do PGC de ESFL, ademais das próximas normas internacionais a ter en conta: NIIF-UE 9; NIIF-UE 15 e NIIF 16.
No primeiro día do congreso haberá tamén sesións e seminarios sobre práctica profesional en auditoría e aplicación da nova lei do sector, impartidos polos subdirectores do regulador e outros axentes implicados ademais de expertos contables acreditados (ECA).
O segundo día adicarase á Información corporativa e economía dixital, onde a través de dous obradoiros específicos, unha conferencia-coloquio e un simposio internacional, abordaranse cuestións vencelladas á economía dixital para o sector financeiro, o financiamento empresarial e das PEME, así como a transparencia da información corporativa. Segundo se fixo saber na rolda de prensa, “haberá relatores de importantes organismos internacionais, ademais de conselleiros e directivos de importantes entidades financeiras”.
O último día do evento adicarase a un workshop sobre responsabilidade social corporativa, ademais das sesións paralelas de exposición de comunicacións dos propios congresistas e unha sesión onde se presentarán os últimos documentos AECA e as súas novas opinións emitidas polas súas comisións de estudo, ademais da nova revista AECA-FAEDPYME, e as novidades de experto contable acreditado (ECA), acreditación de referencia para o profesional da contabilidade. A entrega do Premio Enrique Fernández Peña de Historia da Contabilidade 2017, e dos diplomas REFC e certificados CDCC, darán paso ao anuncio do vindeiro Congreso e Encontro AECA, tras o cal, procederase a dar clausura á xuntanza.

PUBLICIDADE