O Congreso Internacional de Drons amosou como mellorar os nosos sectores produtivos a voo de paxaro
luns, 3 de abril do 2017
O
Congreso Internacional de Drons organizado en Ourense da man de
AGGETT (Asociación Galega de
Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións) foi
finalmente un fervedoiro de tecnoloxías, achados, demostracións,
relatorios e múltiples propostas de aplicación práctica dos
vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés)
e as tecnoloxías que lles son parellas. A primeira xornada, a do
venres 31, foi adicada á lexislación, á seguridade ás aplicacións
profesionais dos drons. Abrangueu tres mesas redondas e unha sesión
de inauguración (de
cuxos detalles dimos conta ese mesmo día, o venres, dende Código
Cero). Logo dos actos de apertura, a primeira mesa da mañá
abordou os aspectos e as necesidades lexislativas para que os drons
sobrevoen as cidades. Entre as cousas que xeraron máis expectación
e interese ao longo dos tres días de actividades atopáronse as
seguintes: as cuestións legais á hora de facer voar vehículos en
espazos urbanos ou as aplicacións destas tecnoloxías para optimizar
o noso agro e a nosa pesca.
Celso
Delgado, presidente da mesa de Fomento no Congreso, comezou ofrecendo
unha visión global do estado desta normativa en España, mentres que
Javier González, técnico aeronáutico da Axencia Estatal de
Seguridade Aérea, realizou unha presentación da lexislación actual
de seguridade aeronáutica, ademais de comentar a lexislación
nacional do sector que se atopa en tramitación e un enfoque da
futura normativa europea.
Pola
súa banda, Antonio Sousa, experto lexislativo como piloto de drons,
achegou a visión, desde o punto técnico, dos cambios que están
sobre a mesa “coa nova lei en comparación coa lei actual”, que
non fai referencia aos drons como tales, e salientou que o novo marco
incrementará a responsabilidade nos individuos.
Ademais,
o presidente de AEDRON (Asociación Española de Drons), Salvador
Bellver, expuxo casos prácticos ao redor da normativa e como foron
resoltos. Por último, David Gutiérrez, de DGDrone e youtuber
especializado neste ámbito, forneceu o punto de vista da normativa
desde o ámbito deportivo, facendo fincapé nas dificultades que ata
a data ten este sector na vertente lúdico deportiva.
A
continuación, na primeira xornada de actividades, expertos de
distintos ámbitos reflexionaron sobre as liñas de aplicación para
infraestruturas e servizos de drons. Participaron Patricia Argerey,
directora de GAIN, David Herrero, presidente de INGEASA, Laura Samsó,
manager de Centurion Technologies, Ana Belén Bello,
presidenta do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e
Topográfica, e Neves Seoane Vieira, membro do proxecto CIAR (Centro
de Investigación Aerotransportada de Rozas).
A
sesión da mañá pechouse cunha mesa redonda sobre usos e formación
nas tecnoloxías RPA para a xestión de datos, imaxes e comunicación.
Nesta mesa redonda o director da escola de Enxeñaría de
Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Íñigo Cuíñas falou do
valor engadido dos drons e todo o que poden ofrecer en canto a
comunicacións, imaxes e datos. Tamén participaron o director da
Escola de Enxeñaría Aeroespacial da UVigo, Arno Formella, o
presidente de AECRA (asociación europea de profesionais para
coñecemento e regulación de actividades de seguridade cidadá),
Jorge Salgueiro, o presidente de Aerosolutions, Antonio Mota, e máis
o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira.
A
sesión da tarde do venres foi protagonizada por empresas que
presentaron aplicacións concretas para profesionais. Manuel Pozo,
director de proxectos de EGATEL, explicou os traballos que está a
realizar a firma para desenvolver unha ligazón segura e robusta
alternativo aos que nestes momentos hai no mercado entre o dron e a
estación base. Pola súa banda, José Manuel Caride, de Prosegur,
presentou servizos de seguridade baseados en aplicacións con RPA.
Ademais, o xefe de equipo UAS do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de
Galicia (Gradiant), Iago Gómez, realizou unha análise das ameazas que están a
xerar os drons e os principais sensores que permiten a detección,
identificación e seguimento dos mesmos. Por último, Jaime Pereira,
de Aerocámaras, afondou no crecente desenvolvemento de solucións
UAV no ámbito civil.
A
xornada do sábado
Na
xornada do sábado, o fío temático foi a tecnoloxía UAV aplicada a
sectores produtivos. Por exemplo a agricultura ou a pesca, que poden
tirar o máximo proveito dos drons para optimizar resultados. Nesta
liña situouse o sistema presentado pola firma GNSS, cuxa
responsábel, Irma Rodríguez, deu a coñecer unha tecnoloxía de
localización que constitúe un conxunto de ferramentas e servizos de
navegación por satélite para dar resposta e servizos de valor
engadido a unha ampla variedade de usuarios de GNSS (Global
Navigation Satellite System). Desde Fortop Topografía, José
Manuel Vázquez falou das novas tecnoloxías para a captura e
xeorreferenciación de datos mediante sensores embarcados en drons. A
aplicación dos vehículos aéreos non tripulados na agricultura
moderna foi o relatorio da empresa Challenger, firma estadounidense
con delegacións por todo o mundo e sede europea en Holanda, cuxo
representante José Pérez Puelles, falou de como os drons con
sensores poden facer que os agricultores obteñan mapas nos que se
recollen datos relativos á biomasa, os cocientes de clorofila ou a
densidade foliar, entre outros parámetros.
Pola
súa banda, Jaime Prado, de Marine Instruments, presentou o proxecto
Tunadrone, un dron autónomo para a localización de bancos de atún
cunha á fixa de menos de 2 quilogramos de peso con alimentación
solar que permitirá manter o voo con boas condicións de sol.
No
que respecta ao sábado pola tarde, retomouse a mesa sobre
lexislación do voo de drons sobre cidades. Novamente, os expertos
David Gutiérrez (CanalDGDrone), Antonio Sousa (Cinetic Plus),
Salvador Bellver (Aedron) e Arturo Zazo (Geotronics) debateron sobre
situacións conflitivas que hoxe en día provocan os UAV cos seus
voos e a forma en que a lexislación debería regulalas e atallalas.
O
Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e o seu encaixe no
sector dos drons tivo tamén cabida nos relatorios da tarde do
sábado, da man de Higinio González, da área de Enxeñaría
Cartográfica e Xeodesia e do Grupo de Investigación Geotech
adscrito ao Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, quen falou
sobre os actores principais a nivel internacional e estatal, así
como da estratexia galega para desenvolver capacidades arredor dos
drons e o seu encaixe no sector produtivo.
Laura
Samsó, manager de Centurion Technologies, foi a
encargada de abordar o terceiro relatorio da xornada, sobre
aplicacións para infraestruturas e servizos. Nela introduciu as
novidades que a súa compañía está a desenvolver neste sector, e
expuxo situacións e problemas cotiáns que se dan neste eido, así
como as innovacións máis futuristas do sector como UAV manexados
pola mente.
A
charla sobre as aplicacións dos vehículos aéreos non tripulados en
conservación de infraestruturas pechou os relatorios da tarde do
sábado. Nela, Narciso Abalo Chouza, enxeñeiro técnico agrícola e
director de Proxectos de Aplygenia, explicou que dentro das
aplicacións máis interesantes dos RPA atópanse as que teñen que
ver coa inspección e mantemento de infraestruturas civís e
industriais, “especialmente nesta época de crise económica en que
o investimento público céntrase máis na conservación e mantemento
do importante volume de construción xerado nos anos de bonanza”.