O Congreso aproba o Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais (ou taxa Google)

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

JPEG - 103.5 KB
Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, e Isabel Celaá, voceira do Goberno, na rolda de prensa tras o Consello de Ministros

O Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes Xerais dos Proxectos de Lei que contemplan a creación do Imposto sobre Transaccións Financeiras e o Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais. Coa aprobación de ambas as normas, España aborda os novos retos da fiscalidade para avanzar cara a un sistema tributario máis moderno e redistributivo.
A necesidade de acometer reformas fiscais para adecuarse aos novos retos da globalización e as novas formas de negocio é unha idea compartida en todos os foros internacionais. De feito, as novas figuras tributarias que se aproban van en liña coas propostas formuladas pola Comisión Europa e xa foron aprobadas nalgúns países europeos.
Ambos os impostos contribuirán a que o sistema tributario sexa máis equilibrado e eficaz a nivel internacional, incorporando ademais elementos da nova economía e novas formas de actividade.
Tanto no caso do Imposto sobre Transaccións Financeiras como do Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais a súa aplicación diríxese a grandes empresas e multinacionais.

Servizos dixitais

O Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais (tamén coñecido como taxa Google) enmárcase na reforma fiscal emprendida para adaptar a tributación aos novos modelos de negocio dixital. A economía mundial está a adquirir rapidamente un carácter máis tecnolóxico e xurdiron novas formas de facer negocio sen necesidade de ter unha presenza física. Preténdese conseguir con este gravame que as empresas tributen no lugar no que se xera o valor.
Este Proxecto de Lei vai en liña coa directiva comunitaria proposta en marzo do ano pasado para gravar eses servizos dixitais, de forma que España será o primeiro país da UE que se adapta á estrutura prevista pola Comisión Europea.
Este imposto, de carácter indirecto, contempla gravar determinados servizos dixitais nos que hai unha intervención de usuarios situados no territorio español. O tipo impositivo que se aplicará será do 3%, en liña coa proposta da Comisión Europea, e a recadación estimada é de 1.200 millóns de euros anuais.
O novo tributo grava tres supostos: a prestación de servizos de publicidade en liña; servizos de intermediación en liña; e a venda de datos xerados a partir de información proporcionada polo usuario en interfaces dixitais.
As empresas obxecto deste imposto serán aquelas con un importe neto da súa cifra de negocios superior aos 750 millóns de euros a nivel mundial e cuxos ingresos derivados dos servizos dixitais afectados polo imposto superen os tres millóns de euros en España.
Estes limiares garanten que só se gravará ás grandes empresas e que nin as PEME nin as startups verán incrementada a súa fiscalidade.
Tras o trámite de audiencia pública, incluíuse no Proxecto que as prestacións dixitais que sexan realizadas entre entidades que formen parte dun grupo cunha participación, directa ou indirecta, do 100% quedarán fóra do imposto.

Imposto sobre Transaccións Financeiras

O Imposto sobre Transaccións Financeiras (tamén coñecido como taxa Tobin) enmárcase no debate xerado no seo a Comisión Europea. Desde 2013, dez países da UE, entre eles España, Alemaña ou Francia, están a traballar para a harmonización deste imposto a nivel comunitario, aínda que aínda non se aprobou a directiva.
Considérase oportuno implantar a nivel nacional este imposto que xa está vixente en Francia, Italia ou Bélxica, pero sen abandonar o obxectivo de establecer un gravame harmonizado a nivel europeo.
A finalidade principal deste imposto indirecto é contribuír ao obxectivo de consolidación das finanzas públicas e reforzar o principio de equidade do sistema tributario.
Trátase dun imposto indirecto que grava cun 0,2% as operacións de adquisición de accións de sociedades españolas, con independencia da residencia dos axentes que interveñan nas operacións, sempre que sexan empresas cotizadas e que o valor de capitalización bolsista da sociedade sexa superior aos 1.000 millóns de euros.
O suxeito pasivo é o intermediario financeiro que transmita ou execute a orde de adquisición. Estas operacións que se someten a tributación non se atopaban suxeitas a ningún imposto no ámbito da imposición indirecta, polo que o establecemento deste imposto supón un importante avance en termos de equidade tributaria.
Entre as adquisicións que estarán exentas do devandito gravame destacan operacións do mercado primario (saída a Bolsa dunha compañía), as necesarias para o funcionamento de infraestruturas do mercado, as de reestruturación empresarial, as que se realicen entre sociedades do mesmo grupo e as cesións de carácter temporal.
Este novo gravame terá un impacto recadatorio de 850 millóns de euros anuais.

PUBLICIDADE