O Congreso aproba, pese ás críticas, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual
xoves, 18 de marzo do 2010
O Pleno do Congreso aprobou
hoxe a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, despois de ratificar a
maioría das emendas introducidas no Senado (os únicos cambios foron de carácter
técnico), co voto en contra do PP, que se abstivera nos trámites anteriores. O
texto final da citada lei, que foi aprobado cos votos favorables de PSOE, CiU e
CC, en contra do PP, IU e ERC e a abstención do PNV.
O voceiro do PP, Miguel Ángel
Cortés, dixo que este proxecto de lei «entrou
sen acordo e sairá sen acordo», e que aínda que o seu grupo se abstivera no
trámite anterior no Congreso, agora votaban en contra das emendas aprobadas no
Senado, «aínda que queremos que conste en
acta o noso rexeitamento político á lei na súa totalidade».
Cortés baseou a súa crítica á lei
no artigo que crea o Consello Estatal de Medios Audiovisuais, que cualificou de
«daniño co gasto público» xa que este
grupo defendeu dende o principio que este organismo xa está presente na
Comisión do Mercado das Telecomunicacións e, polo tanto, é innecesaria a súa
creación.
O deputado popular mostrouse «radicalmente en contra» de que un
organismo administrativo poida pechar un medio de comunicación, cando iso só o
pode facer un xuíz e tamén «que este
Consello nos diga que podemos ver e que, non exercendo unha censura ideolóxica».
O deputado socialista, Oscar
López, respondeu que este proxecto de lei tivo unha elaboración de seis anos,
con moito debate, con debates parlamentarios de tramitación de emendas, arredor
de 600 e decenas e decenas de reunións do Goberno con sindicatos, operadores e
teleoperadores. É unha lei con moitos anos de negociación política.
Para o voceiro de IU, Gaspar
Llamazares, a lei serve a un «mercado
audiovisual sen pluralismo», cualificouna de «lei Berlusconi», que é a lei da privatización de TVE e que
favorece á ultradereita ao permitir emitir en cadea empresas de ámbito local,
moitas das cales están en mans de ultraconservadores.
A lei obriga os operadores
privados a investir o 5% dos seus ingresos en cine europeo, así como series
para televisión, mentres que para os públicos esta obriga é do 6 por cento. No
caso dos menores, a lei prohibe aos operadores a emitir en aberto pornografía
ou violencia gratuíta e que o acceso a estas canles pechadas posibilite o
control parenteral. No caso de programas en aberto, estes deberán clasificar
por idades os seus contidos así como unha codificación que permita o control
dos pais, homologado pola Autoridade Audiovisual.
A lei tamén regula os programas
de xogos e apostas, que só poden emitirse entre a unha e as cinco da mañá e os
de contido esotérico entre as 22 e as 7 da mañá, aínda que os prestadores do
servizo terán responsabilidade sobre fraudes que puidesen producirse. No
apartado publicitario, a nova lei permite a emisión de anuncios 12 minutos por
hora de emisión, incluído neles a televenda, aínda que se excluirán o
patrocinio e a localización.